O grupo actuará ás 22:00 horas na Carballeira da Chan do Rapadouro, en Chandebrito, no marco do festival Chandefolk
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 23 de agosto a Nigrán un concerto da Banda da Loba enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar ás 22:00 horas na Carballeira da Chan do Rapadouro, en Chandebrito, no marco do festival Chandefolk.
A Banda da Loba está a regresar aos escenarios con forza para presentar o seu novo traballo, “Lovismo”. Sen abandonar o seu característico estilo caleidoscópico, fala dos diferentes tipos de amor a través da bachata, do pop ou da música disco, sen deixar de lado a inspiración literaria que sempre reivindican. A banda actualmente está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
O concerto da Banda da Loba é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.