O presidente provincial salienta a combinación dos recursos do Plan Extra e do +Provincia para facer realidade proxectos estratéxicos que melloran os espazo urbano: “É un espazo que vai gañar moitísimo para a veciñanza”, salientou López
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Vilaboa a través dos plans de Cooperación están preto dos 1,4 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Vilaboa, César Poza, para executar a humanización da contorna da Casa do Concello. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Poza selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en 987.600€, cunha achega de 700.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 287.600€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. “A Deputación achega a financiación completa e necesaria para a humanización dun lugar que concentra os principais servizos do concello”, remarcou o mandatario provincial.
O proxecto de humanización da contorna da Casa do Concello en O Toural busca transformar este espazo nun centro de referencia para a veciñanza potenciando a súa funcionalidade, accesibilidade e integración paisaxística. A intervención favorece a mobilidade peonil e creación dunha área máis segura, sostible e adaptada ás necesidades da cidadanía. Entre as actuacións, sobresae a eliminación do tráfico rodado no núcleo central desviando os vehículos a través de trazados perimetrais, o que liberará unha ampla superficie para o uso exclusivo dos peóns e que será destinada a actividades culturais, de lecer e sociais. Tamén se mellorarán os accesos peonís con itinerarios adaptados, crearase unha plataforma única integrada con zonas verdes e de xogo infantil garantindo a continuidade visual e funcional do espazo e se incorporarán elementos de mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e iluminación LED eficiente. O proxecto inclúe a renovación completa das instalacións subterráneas de saneamento, abastecemento e electricidade. “É un espazo que vai gañar moitísimo para os peóns, é unha actuación estratéxica das que levamos a cabo na Deputación”, valorou López.
A colaboración da Deputación co Concello de Vilaboa non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,39 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.