O Concello consolidouse como un referente en solidariedade e compromiso cidadán ao rexistrar 69 doazóns de sangue por cada mil habitantes
O pasado luns 18 de agosto, unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazouse ata a Praza do Calvario para celebrar unha campaña especial de verán. Durante a xornada presentáronse 68 persoas, das cales se realizaron 61 doazóns, incluíndo 4 novos doantes.
O éxito desta xornada confirmou que o Rosal é o concello que máis sangue doa na provincia de Pontevedra neste 2025. Esta participación é especialmente destacable nunha época como o verán, cando a colaboración é fundamental para acadar as 27.000 doazóns necesarias nos hospitais galegos e atender a milleiros de pacientes. Neste último ano, o pobo alcanzou 69 doazóns por cada mil habitantes, consolidándose como referente en solidariedade e compromiso cidadán.
O bus de doazón chegou decorado baixo o lema “Non esquezades doar antes de veranear”, cunha posta en escena singular: sillas de praia vermellas e brancas tipo hamaca, maletas e pelotas co logo da campaña, táboa de surf, sombrilla e céspede artificial, creando un ambiente veraniego.
Ánxela Callís, alcaldesa de O Rosal, destacou que “Dende o Concello estamos moi orgullosos da xenerosidade dos nosos veciños e veciñas. Cada doazón salva vidas e reflicte o compromiso da nosa comunidade. Animamos a toda a veciñanza a sumarse a estas campañas: é un xesto sinxelo que pode marcar a diferenza para moitas persoas”.
Para máis información sobre futuras campañas e como participar, os interesados poden consultar a web da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue ou poñerse en contacto co Concello do Rosal.