O Concello de Nigrán é o único da comarca en contar con brigada propia desde 2022. A día de hoxe conforman unha ducia de persoas que traballan durante todo o ano en tarefas de prevención
Actualmente traballan revisando as faixas de seguridade dos núcleos poboacionais e nas fincas ou tomadas particulares de risco máximo
“Ao igual que cada ano a Mancomunidade contrata socorristas para manter as súas praias seguras durante a tempada estival, o Concello de Nigrán ten un servizo propio de brigadistas con experiencia para coidar o monte. Non estamos libres de sufrir un incendio pero estamos en boa situación para afrontalo”, sinala o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán está a repasar as faixas de seguridade dos núcleos poboacionais ante o risco extremo de lumes a través da súa propia brigada municipal de prevención de incendios, única en toda a comarca e en alerta máxima desde inicios de agosto. Así, actualmente, ante o risco altísimo e o requerimento oficial da Xunta a particulares e comunidades de montes, o Concello está a actuar subsidiariamente en terreos especialmente perigosos que non son de titularidade municipal e que ameazan a vivendas a menos de 50 metros.
“En zonas da nosa competencia, como as 42 hectáreas que compoñen o parque forestal Os Matos-Río Táboas, os ‘deberes’ están feitos desde hai meses, asi que agora, por sentido da responsabilidade, estamos actuando en propiedades privadas de risco máximo ás que se lle notificou hai tempo a obriga de limpar sen que fixesen nada ao respecto”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca cuestións feitas desde o Concello como o asfaltado este inverno dunha antiga pista que atravesa o parque desde Chandebrito a Camos para garantir, en caso de incendio ou de calquera outra incidencia, o acceso rápido de vehículos de emerxencia, tanto bombeiros como ambulancia, aos barrios de As Rozadas e Ou Sobral.
O Concello de Nigrán optou en 2022 pola contratación directa e posta en marcha deste servizo a raíz de que as experiencias anteriores dependentes de subvencións da Xunta de Galicia retrasasen o seu funcionamento ao mes de setembro e incluso decembro por cuestións meramente administrativas. Deste xeito, investíronse inicialmente algo máis de 40.000 € na dotación do equipamento imprescindible (desde unha todoterreo pick-up ata un remolque-cisterna, maquinaria ou elementos de protección persoal) e cada ano supón un custe de algo máis de 200.000 € que garanten os salarios e os materiais precisos. “Asumimos unha competencia que realmente non é nosa e investimos unha cantidade moi grande para un Concello, a Xunta debe revisar a súa política forestal”, insiste o edil de Medio Ambiente, Diego García Moreira, quen agradece as labores de vixilancia que actualmente están a realizar os axentes da Guardia Civil Baiona-Nigrán e da Policía Local de Nigrán.
Así, a brigada traballa durante todo o ano en labores de prevención de incendios abrindo e mantendo camiños no monte para o correcto acceso de vehículos de emerxencia en caso de necesidade, eliminando biomasa, rozando as contornas de vivendas en risco ou (como é o caso actualmente) limpando de forma subsidiaria fincas con expedientes sancionadores porque os propietarios non as manteñen conforme obriga a lei, etc. A maiores, as súas labores comprenden a vixiancia e extinción de incendios en caso declararse algún no municipio, polo que nese caso se sumarían aos efectivos do GES.
“Ao igual que cada ano a Mancomunidade contrata socorristas para manter as súas praias seguras durante a tempada estival, o Concello de Nigrán ten un servizo propio de brigadistas con experiencia para coidar o monte”, resume González, quen incide na súa necesidade ante a gran masa forestal coa que conta o municipio. “Desgraciadamente, os lumes de 2017 ensináronos que algo tiña que cambiar na política de xestión do monte e así o fixemos en colaboración coas comunidades, as grandes propietarias do terreo; os incendios temos que previlos traballando durante o inverno para recibir o verán cos deberes feitos, e iso é o que estamos a facer. Non estamos libres de sufrir un incendio porque non somos inmunes á situación climática ou á acción do home, pero polo menos estamos, a priori, en boa situación para afrontalo”, finaliza.