HomeVigoMosO Concello de Mos actualiza e moderniza o seu inventario de camiños...

O Concello de Mos actualiza e moderniza o seu inventario de camiños rurais e bens municipais

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos vén de poñer en marcha un proxecto estratéxico para a mellora da súa rede viaria, centrado inicialmente na actualización do inventario de camiños municipais. Esta actuación conta cunha subvención de 17.811,20 euros procedente da Liña 1 do Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.

O traballo consiste na revisión e modernización do inventario existente, que se atopaba en formatos menos operativos (PDF e DWG), e a súa transcrición a formato editable GIS, o que permitirá unha xestión moito máis eficaz e flexible. Grazas a esta ferramenta, o Concello de Mos poderá xerar fichas individualizadas, listados valorados e resumos que faciliten a toma de decisións e a planificación de investimentos.

Un dos puntos máis salientables desta actuación é a rectificación do inventario coa incorporación de novas vías, como o Camiño da Gándara da Lama, en Torroso, que se sumará á rede xa rexistrada. Deste xeito, o inventario non só se actualiza, senón que tamén medra e se adapta ás necesidades reais da veciñanza.

Se ben esta fase se centra nos camiños rurais e bens municipais, a previsión municipal é ampliar o inventario no solo rústico, de maneira que Mos dispoña dun mapa viario completo e homoxéneo que inclúa todas as tipoloxías de vías municipais. Esta visión integral permitirá optimizar recursos e garantir unha rede máis segura e funcional.

A actuación complétase coa instalación dunha aplicación informática GIS, que permitirá consultar e editar os datos en tempo real. Esta ferramenta converterase nun instrumento fundamental para os técnicos municipais, pero tamén facilitará a coordinación entre diferentes administracións e servizos de emerxencia.

Con esta actuación, o Concello de Mos reforza a súa aposta pola modernización, a transparencia e a eficiencia na xestión do territorio, asegurando que cada investimento en camiños se realice con criterios técnicos actualizados e cunha visión estratéxica de futuro.

Publicacións Relacionadas