– A alcaldesa, Digna Rivas, agradece aos populares “a boa acollida mostrada ante esta proposta”, e confía en que con vontade política este proxecto se faga realidade “moi pronto”. O trámite administrativo para facer efectiva a compra de Villa Elisa, nunha parcela de 3.500 m2, levarase ao pleno ordinario do próximo 25 de setembro.
– O obxectivo do goberno local é trasladar a Villa Elisa a Biblioteca Municipal, salas de estudo e outros servizos municipais, ademais de habilitar nos seus xardíns un espazo verde de uso público. Deste xeito transformaríase unha gran zona na rúa Ernestina Otero coa renovación da “praza da Petanca” cuxo proxecto está xa en marcha.
O goberno local de Redondela presentou onte ao grupo municipal do PP o proxecto de compra do inmoble Villa Elisa, co obxectivo de que esta emblemática casa pase a ser de uso público e estea aberta a todos os veciños e veciñas de Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, agradece aos populares “a boa acollida mostrada ante esta proposta”, e confía en que con vontade política este proxecto se faga realidade “moi pronto”. O trámite administrativo para facer efectiva a compra levarase ao pleno ordinario do próximo 25 de setembro. A adquisición realizaríase con cargo ao remanente de tesourería do ano 2024.
Por outra banda Rivas lamenta que o grupo municipal do BNG non contestara á convocatoria feita polo goberno local para manter unha xuntanza e presentarlles o proxecto. “Negáronse a falar co goberno local, pero seguimos coa man tendida e toda a corporación ten á súa disposición o expediente para consultalo e facer as achegas que consideren oportunas”, explica a rexedora.
O obxectivo do goberno local é trasladar a este emblemático edificio de rúa Ernestina Otero a Biblioteca Municipal, salas de estudo e outros servizos municipais, ademais de habilitar no seu xardín un espazo verde de uso público. Rivas advirte que a Biblioteca Valle Inclán, no Multiúsos da Xunqueira “leva tempo sufrindo limitacións e non cumpre coas necesidades das persoas usuarias”. Os ruídos das actividades culturais e a falta de espazo son algúns dos inconvenientes. Villa Elisa, edificio de 1909, forma parte da historia da vila e que pase a formar parte do patrimonio municipal “será beneficioso para toda a cidadanía, xa que sería de uso público, cun fin cultural e social”. Redondela contará así cun novo espazo accesible e versátil no centro da vila “para a promoción da lectura, a formación e a cultura”.
A adquisición de Villa Elisa permitiría tamén “gañar un espazo verde anexo, aberto ao público, que será un lugar de convivencia, lecer e tranquilidade no corazón da vila”, explica a alcaldesa. A parcela ten uns 3.500 m2, cunha superficie construída de máis de 700 m2. Esta compra significaría transformar un gran espazo na avenida Ernestina Otero, onde o Concello ten en marcha xa a renovación da “praza da Petanca”. Este espazo de 2.300 m2 acollerá unha nova área cultural e de lecer cunha praza renovada, auditorio ao aire libre e un ascensor que conectará coa parte alta da rúa Subida á Estación. Estas obras realizaranse a través do Plan Extra da Deputación. O edificio “Granxa da Lima”, adquirido por Zona Franca, acollerá un viveiro de empresas.