O Concello de Mos, a Fundación Pazo de Mos, Protección Civil de Mos e a asociación Mos Axuda únense para poñer en marcha unha campaña solidaria de recollida de material destinado ás persoas afectadas pola vaga de incendios que está a asolar Galicia nos últimos días.
Solicítase especialmente a colaboración cidadá coa doazón de caldeiros, máscaras, botas, luvas, gafas de protección, vendas e colirios para os ollos.
A recollida de material realizarase no Pazo de Mos desde hoxe e ata o vindeiro venres. O material será entregado progresivamente a medida que se vaia reunindo, co obxectivo de facelo chegar canto antes ás zonas e ás persoas que máis o precisen.
Dende o Concello de Mos faise un chamamento á solidariedade da veciñanza, confiando na súa implicación e xenerosidade para axudar a quen está a sufrir directamente as consecuencias destes devastadores lumes. Ao mesmo tempo, agradece tamén a resposta solidaria da cidadanía de Mos, sempre exemplar e comprometida cando se trata de tender a man a quen máis o necesita.