A Deputación avanza na desestacionalización, diversificación e equilibrio da oferta entre o territorio, a sostibilidade e competitividade, o reforzo da promoción e comunicación turística, así como na transformación dixital do destino
López sinalou que o 70% dos establecementos rexistrados en 2024 situábanse no rural
Pontevedra aglutina case 2 de cada 5 pernoctacións e case a metade dos aloxamentos de Galicia, cun turismo estranxeiro capaz de alcanzar cotas do 40% sobre o total
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ofreceu este venres as claves do informe do Observatorio de Competitividade – Provincia Extraordinaria centrado na situación e as perspectivas do turismo da provincia. O documento sinala a firme aposta da Deputación para solucionar os principais retos aos que se enfronta o destino, que pasan pola necesidade de crear experiencias desestacionalizadoras e artelladoras do territorio, ter unha oferta diversificada e identitaria, avanzar na sustentabilidade e competitividade turística, reforzar a promoción e comunicación e responder a necesaria transformación dixital.
Luis López lembrou que a través do Observatorio de Competitividade “estamos a analizar as fortalezas, oportunidades, retos e debilidades da economía provincial nos distintos sectores produtivos e sociais”, e concretamente no caso do turismo puxo en valor como para a Deputación “Rías Baixas é moito máis que mar: son 61 concellos que merecen a nosa atención, e todos eles comportan tamén desafíos” como “a estacionalidade, a adaptación dixital, a dispersión territorial e a necesidade de innovación”, que levan consigo a necesidade de “dar respostas eficaces coa sostibilidade e a dixitalización como piares dun modelo equilibrado, competitivo e adaptados a eses retos”.
O informe salienta en primeiro lugar a evolución positiva do turismo, recuperando xa desde 2024 as cifras de visitantes anteriores á pandemia, cun destino que “vai camiño de rachar a barreira histórica dos dous millóns de visitantes” e que xa acada “un 40% de turismo estranxeiro nunha tendencia de crecemento moi sostida”. Ademais, Pontevedra acolle case 2 de cada 5 pernoctacións en Galicia e conta co 45% dos aloxamentos da comunidade, con preto de 12.000 que deixan unha pegada máis intensa no litoral. Neste sentido, remarcou o presidente, “por iso a nosa aposta estratéxica por desestacionalizar e equilibrar a oferta se dá especialmente no interior”: dos aloxamentos rexistrados en 2024, case o 70% se atopan en zonas rurais.
Cinco grandes retos e un investimento de 30 millóns en dous anos
Luis López deu conta das accións acometidas pola Deputación para dar resposta aos grandes retos que recolle o informe de competitividade, divididos en cinco grandes frontes. O primeiro deles é o de contar con experiencias tractoras, desestacionalizadoras e artelladoras do territorio, ao que a Deputación responde cunha aposta por grandes eventos deportivos e culturais durante todo o ano, coa multipremiada campaña Cando volves? ou iniciativas como as food trucks que percorrerán no futuro as festas gastronómicas da provincia. Ademais, o fomento do turismo de praia en inverno e outono a través de programas como Praias sen Límite, no que a institución ten como socios a Costa do Sol, Almería, Lanzarote e Santander.
O segundo grande eixo é o reto de acadar unha oferta turística diversificada e identitaria, onde a Deputación de Pontevedra promove iniciativas como Enoturismo Rías Baixas, con experiencias vinculadas ao viño, así como as visitas e actividades organizadas nos Castelos de Soutomaior e de Sobroso.
Un terceiro reto pasa pola sustentabilidade e competitividade turística, que respecta o medio ao mesmo tempo que fomenta a industria. Neste ámbito Luis López puxo en valor o proxecto +Rías, que busca aumentar a sensibilización ambiental e fomentar a conciencia sobre o impacto humano no medio mariño e costeiro, así como o programa de rutas ornitolóxicas Voando nas Rías Baixas e tamén +Bosques, con visitas guiadas a sete espazos naturais da provincia.
O cuarto reto é a necesidade de reforzar a promoción e comunicación turística mediante campañas innovadoras e ferramentas dixitais. A Deputación responde con programas específicos, tanto propios como patrocinados, como fórmula para atraer un turismo temático e segmentado. Os Rías Baixas Fest e Rías Baixas Film Fest son unha mostra do apoio a iniciativas adaptadas a un público diverso que pode atopar todo o que busca na provincia de Pontevedra.
Finalmente, en resposta á necesidade dunha transformación dixital do destino que mellore a xestión, a promoción e as experiencias dos visitantes, destacan o proxecto de Praias Intelixentes así como a axuda que a Deputación presta á rede de oficinas Info Rías Baixas.
Luis López puxo en valor os investimentos realizados pola Deputación nos dous primeiros anos de mandato, nos que “mobilizamos 13 millóns de euros, démoslle un xiro de 180 graos á política turística e ideamos unha nova estratexia da man dos concellos, do sector e dos axentes”. O presidente da Deputación valorou positivamente os “froitos que xa estamos a recoller”, pero sinalou que “somos esixentes e ambiciosos, polo que non imos quedar aí, senón que seguiremos traballando para a mellora constante do noso destino e da calidade de vida da nosa cidadanía”.