HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación dá luz verde ao convenio que destina preto de cinco...

A Deputación dá luz verde ao convenio que destina preto de cinco millóns de euros para a mellora da piscina municipal de Teis

- Anuncio -spot_img

Luis López deu conta da aprobación dos recursos, liberados xa nesta anualidade para acometer un proxecto cun orzamento superior aos 7 millóns de euros e que elevan as cifras do investimento da Deputación en Vigo a case 40 millóns en dous anos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres da aprobación na Xunta de Goberno do convenio do Concello de Vigo para o cofinanciamento das obras de mellora da piscina municipal de Teis. Luis López lembrou que “a Deputación vai destinar nada máis e nada menos que 4,8 millóns de euros dun orzamento total de 7,1 millóns”, comprometendo xa o total da súa aportación nesta anualidade, a unha obra “moi demandada polos veciños deste emblemático barrio vigués”.

O convenio complétase co compromiso do Concello de Vigo de achegar á mellora da piscina municipal de Teis un total de 2,3 millóns, que aportará entre as anualidades 2025 e 2027. Luis López puxo en valor que “as obras están xa en marcha e son posibles grazas ao compromiso da Deputación con Vigo, que se implicou desde o primeiro momento con esta actuación grazas ao liderado da vicepresidenta Luisa Sánchez con todo o que afecta á cidade”, e sinalou que a Deputación “cumpre con Vigo, cumpre coa cidade de Pontevedra e cumpre co conxunto de concellos para que toda a provincia vaia a máis”.

Luis López lembrou os investimentos levados a cabo pola Deputación en Vigo en dous anos, que chegan aos “case 40 millóns de euros, unha cifra sen precedentes que fala do noso grao de cumprimento coa cidade” desde grandes infraestruturas como Balaídos ou o Teatro Cine Fraga ata obras como as da piscina de Teis.

Publicacións Relacionadas