HomeA CoruñaRibeira conmemora o Día da Galiza Mártir cun roteiro da memoria

Ribeira conmemora o Día da Galiza Mártir cun roteiro da memoria

- Anuncio -spot_img

Ribeira acolleu este venres a conmemoración do Día da Galiza Mártir, unha xornada organizada polo BNG en colaboración coa Asociación da Memoria Histórica do Barbanza, que contou cun roteiro con catro paradas desde a rúa Alexandre Bóveda ata o monumento ás persoas represaliadas do Malecón.

O acto estivo marcado pola lembranza dos mártires galegos que sufriron cárcere, exilio, humillación e morte por defender unha Galiza libre e xusta. O percorrido simbolizouse coa colocación de lazos e unha ofrenda floral.

O responsable local do BNG, Rafael Pazos, abriu o roteiro lembrando “a necesidade de manter viva a loita diante do perigoso avance da dereita reaccionaria”. A continuación, a militante Xana Ledo afondou na figura de Alexandre Bóveda e na súa defensa da liberdade real para o pobo galego, lembrando tamén a anulación da súa sentenza condenatoria como cumprimento do acordo de investidura entre BNG e PSOE en Madrid.

Na segunda parada, a concelleira Antía Alberte evocou a figura de Moncho Reboiras pero tamén falou da necesidade de coñecer a nosa historia e abordou esa unión que tiveron Bóveda e Castelao.

Pola súa parte, David González, militante de Galiza Nova, interveu na terceira parada para recuperar a memoria de Lustres Rivas, encarcerado na illa de San Simón, e alertar do avance da dereita entre a mocidade.

Xa na cuarta parada, Xoán Hermida, en representación da Asociación da Memoria Histórica do Barbanza, reclamou a eliminación da simboloxía franquista en rúas e igrexas, así como a reparación da memoria dos represaliados locais como Vicente López Novo ou Enrique Fernández Sendón.

O acto pechouse coa intervención do alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, quen salientou a importancia de “aprender de todos os que forman parte da nosa memoria para avanzar cara unha sociedade máis democrática e tolerante”, adquirindo o compromiso de seguir avanzando na eliminación dos vestixios franquistas.

Ademais, o rexedor lembrou que “os dereitos hai que defendelos sempre e non se poden dar por gañados, xa que pode haber grandes regresións como se ve noutros países. As administracións públicas deben seguir traballando para garantir e reforzar os dereitos democráticos da cidadanía”.

O acto pechouse coa ofrenda floral no monumento que homenaxea ás máis de 150 persoas ribeirenses que sufriron represión e coa interpretación do himno galego.

Publicacións Relacionadas