HomeA CoruñaA CoruñaO Concello remata a mellora da accesibilidade en 16 paradas de autobús...

O Concello remata a mellora da accesibilidade en 16 paradas de autobús urbano no marco da adaptación progresiva da rede municipal

- Anuncio -spot_img

A actuación forma parte dun plan cofinanciado con fondos Next Generation que continuará nas vindeiras fases ata completar a adaptación de todas as paradas da cidade

Concello da Coruña vén de concluír as obras de mellora da accesibilidade en 16 paradas de autobús urbano, dentro dun plan impulsado polo Goberno de Inés Rey e financiado a través dos fondos europeos Next Generation, cun investimento de 700.000 euros.

Estas actuacións responden á necesidade de modernizar as paradas existentes facilitando nelas a accesibilidade universal e facendo así máis sinxelo o uso do autobús por parte de persoas con mobilidade reducida, maiores ou familias con carriños. Os traballos incluíron a elevación das plataformas, colocación de pavimento podotáctil, reconfiguración dos espazos de espera e melloras na sinalización.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “avanzar na accesibilidade é avanzar en dereitos. Esta actuación reafirma o compromiso do Goberno municipal cunha Coruña máis igualitaria, amable e pensada para todas e todos”.

Pola súa banda, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou que “este plan responde a unha planificación rigorosa para adaptar toda a rede de paradas ás esixencias actuais. Analizamos as condicións de cada localización e priorizamos aquelas con maior necesidade técnica, impacto social ou volume de uso. Este é un proxecto en marcha que non se detén”.

As 16 intervencións executáronse en diferentes barrios da cidade, entre eles Os Mallos, Monte Alto, Labañou, Os Rosales, Catro Camiños e Castrillón, permitindo corrixir deficiencias históricas e garantir que o autobús urbano sexa unha opción accesible para todas as persoas.

O Goberno de Inés Rey acometeu desde o 2019 traballos de mellora da accesibilidade en máis de 60 paradas de autobús. O compromiso do executivo municipal é garantir o acceso universal ao servizo de transportes urbanos, e seguir avanzando cara a unha rede plenamente adaptada.
Esta actuación forma parte dun plan de continuidade que terá seguimento nos próximos meses, coa previsión de ampliar as melloras ao conxunto da rede de paradas, atendendo a criterios técnicos de prioridade e accesibilidade.
“A nosa prioridade é garantir que calquera persoa poida coller o autobús sen atoparse barreiras. A cidade debe avanzar con equidade, tamén desde o punto de vista da mobilidade”, apuntou Díaz

Publicacións Relacionadas