- José González destacou os 412.000 euros que o Goberno galego destinou ao obradoiro dual ‘Portas de Galicia IV’, que cualificou de “exemplo de servizo público” por actuacións que contribúen a poñer en valor e protexer o territorio fronte aos incendios
- Salientou que a provincia de Ourense está a clausurar estes días ata dez accións a prol da empregabilidade deste tipo, que supuxeron ao longo de nove meses a realización de traballos como accións silvícolas, recuperación de terreos forestais ou plantacións
- Beneficiándose da fórmula conxunta de formación e traballo remunerado, a metade das 20 persoas implicadas na acción que hoxe remata participaron nesta modalidade de traballos forestais e a outra metade na de albanelería de fábricas e cubertas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego dual Portas de Galicia IV, unha iniciativa que recibiu unha achega de 412.000 euros por parte da Xunta e que aglutina os concellos de Vilariño de Conso, Viana do Bolo e A Gudiña. Alí, cualificou a acción de “exemplo de servizo público” por contribuír a cuestións centrais como poñer en valor e protexer o territorio a través da realización de labores silvícolas e forestais, ademais de traballos de recuperación de terreos queimados como os que o propio conselleiro puido visitar despois do acto institucional.
Na súa intervención, o titular de Emprego salientou que estes días se están a clausurar ata dez obradoiros que desenvolveron diversos traballos silvícolas e forestais na provincia de Ourense, unha circunstancia que considerou de relevancia pola incidencia de incendios nestas contornas e que —segundo destacou— terá continuidade en futuras edicións.
Nesa mesma liña, González puxo de relevo que as 20 persoas que participan en cada un destes obradoiros duais reciben cualificación profesional, ao tempo que desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social. Actividades que neste caso estiveron relacionadas coa conservación e mellora de montes, pero tamén coa albanelería de fábricas e cubertas.
Así, ao longo de nove meses, estas persoas non só se formaron senón que levaron a cabo tarefas en beneficio dos seus respectivos municipios. En concreto, en Vilariño de Conso, ademais do sementeiro realizado en zonas afectadas polos lumes, executáronse accións silvícolas na área recreativa e nos xardíns municipais, ademais da rehabilitación de muíño en Entrecinsa e da posta en valor e recuperación de forxa en Chaguazoso e do muro no núcleo de San Cristovo.
Mentres, na Gudiña, fixéronse traballos silvícolas e forestais no Camiño de Santiago, ademais de actuar nunha nave almacén. Por último, en Viana do Bolo executáronse traballos silvícolas en varios puntos do concello, ademais da reparación de beirarrúas da rúa Nicolás Tenorio e da obra civil para canalización de gas.
Obradoiros duais
O conselleiro sinalou que o Portas de Galicia IV é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense, concedéronse 27 obradoiros duais que combinan formación e traballo remunerado.
Dentro destas accións, a Xunta subvenciona a posta en marcha e desenvolvemento do taller e os custos de contratación dos participantes. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal (como o caso de hoxe) ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.
José González concluíu sinalando que este é o camiño que se debe seguir, indo da man das entidades locais para impulsar formación teórico-práctica, contribuíndo a mellorar a empregabilidade e prestando atención ás necesidades de cada contorna.