HomeOurenseAllariz-MacedaLuis Menor felicita a Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo:...

Luis Menor felicita a Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo: “Os teus acertos serán os éxitos deste municipio”

- Anuncio -spot_img
  • Tralo pleno celebrado esta tarde, o presidente provincial, Luis Menor, tamén agradeceu o “gran traballo” que fixo o seu antecesor no cargo, Carlos Gómez, durante catorce anos, deixando unha “fonda pegada” na veciñanza

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, asistiu hoxe ao Pleno de toma de posesión do novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, o popular Pablo Graña Rodríguez, que releva á fronte do Concello a Carlos Gómez, quen estivo catorce anos como rexedor e agora continuará a formar parte do grupo de goberno.

Luis Menor desexoulle moitos éxitos ao novo alcalde sinalando que “os seus acertos tamén serán os éxitos de Xunqueira de Espadanedo”. Os bos resultados do seu traballo, destacou, “contribuirán tamén a fortalecer o Partido Popular non só a nivel local, senón tamén no conxunto da provincia”. Neste sentido, Menor lembroulle ao novo representante popular que ten o partido “a súa disposición” para colaborar “en todo aquelo que precise”.

O presidente provincial puxo en valor a “longa traxectoria política” do novo alcalde, sendo concelleiro durante máis de dez anos, exemplo que labor político que vinculou aos novos valores que procura o partido: “Ogallá a mocidade ourensá atope en ti esa inspiración para ser partícipes da vida política dos seus municipios e comprometerse a  traballar con gañas e ilusión polo rural”.

Por outro lado, Luis Menor agradeceu o “gran traballo” realizado por Carlos ao fronte da alcaldía de Xunqueira de Espadanedo durante catorce anos deixando unha “fonda pegada” na veciñanza. Puxo en valor a súa “xenerosidade” por seguir formando parte do grupo de goberno para colaborar, desde outra posición, pola mellora do municipio, “reafirmando así que o seu compromiso con Xunqueira está por riba de todo”.

Máximo orgullo para Pablo Graña

Pablo Graña Rodríguez (Xunqueira de Espadanedo, 1992) levantou o bastón de mando de Xunqueira de Espadanedo consciente de que representar ao seu municipio significa o “máximo orgullo” que pode ter na súa vida política, “permitíndome loitar por mellorar a calidade de vida dos meus veciños”.

O novo alcalde asegura que seguirá unha “liña sucesoria” de goberno, priorizando proxectos como o da Residencia que “esperamos ter adxudicado neste mandato”. Outro dos retos que se marca ao fronte da alcaldía é atraer e fixar poboación no rural a través de accións nas que xa están a traballar para volver aos 800 veciños que houbo en tempos pasados.

Carlos Gómez, catorce anos de servizo público desde a alcaldía

Carlos Gómez Blanco (Xunqueira de Espadanedo, 1958) chegou á alcaldía a finais de 2011, repetindo con maioría absoluta ata o actual mandato. Agora continuará como concelleiro, tal e como llo pediron os seus compañeiros do grupo de goberno.

Publicacións Relacionadas