Pídenlle ao alcalde, David Carrera, que tramita ante os organismos oportunos a necesidade de quedar con ese elemento de extinción de incendios ou outro similar.
A veciñanza da Lama entrega nas oficinas municipais centos de firmas para solicitar a permanencia da motobomba contraincendios entregada ao Concello para a constitución do Grupo de Emerxencias Supramunicial (GES) e que conta con fondos europeos que reclaman agora a devolución das entregadas aos concellos da Cañiza, Moraña e A Lama ante a imposibilidade, polo momento, de crear ese servizo.
No texto da recollida de sinaturas feito a través dos distintos establecementos comerciais do centro da Lama e tamén nas parroquias do municipio, inclúese tamén a petición de que no caso de que ese vehículo teña que ser devolto, non se faga ata non ser substituido por outro de similares características adscrito ao Concello da Lama para seguir prestando os mesmos servizos que ata agora e que de tanta utilidade demostrou durante a vaga de incendios recentemente padecida.
Así, os promotores desta iniciativa veciñal sinalan que si non fora pola presenza da motobomba e a súa primordial e eficaz intervención inmediata non se terían salvado do lume as casas no incendio reiterado da Braxiña e O Tizón, non se tivera controlado desde o primeiro momento o incendio en Seixido ou Xesta ou non se podería ter socorrido ao veciño concello ourensán de Avión cando solicitou axuda con urxencia e se enviou ao vehículo municipal a prestar servizo.
Finalmente, solicitáronlle ao alcalde da Lama, David Carrera, que fortaleza a súa petición de mantemento da motobomba no concello co respaldo dos centos de sinaturas recopiladas entre a veciñanza lamense en todo o termo municipal e que traslade esta petición ante os organismos provinciais, autonómicos e mesmo europeos para que se vexa atendida xa que quedou plenamente demostrado que sin este vehículo a evolución dos incendios padecidos este verán na Lama sería moi diferente.