Os catro voceiros das formacións políticas con representación na Deputación (Patricia Torres do PP; Álvaro Vila do PSOE; Bernardo Varela do BNG e Rafael Martínez de DO), acordaron crear unha mesa específica para analizar 3 asuntos: a prevención, a extinción e as conclusións a este respecto
No pleno da Deputación de Ourense celebrado o pasado 27 de agosto con carácter de extraordinario urxente, no marco do debate político sobre a situación dos lumes na provincia, adoptouse un acordo plenario centrado na creación a curto prazo dunha mesa de traballo que permita realizar unha análise exhaustiva do acontecido cos incendios forestais en Ourense, co obxectivo de elevar as propostas que se consideren necesarias aos órganos correspondentes para colaborar desde a Deputación aló onde non cheguen as outras administracións.
Por este motivo, os voceiros dos catro grupos políticos provinciais (Patricia Torres do PP; Álvaro Vila do PSOE; Bernardo Varela do BNG e Rafael Martínez de DO) mantiveron hoxe unha reunión na que constituíron esta mesa de traballo e fixaron unha planificación de traballo para vindeiros encontros.
Esta planificación, segundo acordaron, consistirá en crear 3 mesas de traballo específicas: unha de prevención, constituída por alcaldes, gandeiros, axentes forestais, sindicatos agrarios e comunidades de montes; unha segunda mesa de extinción, onde participen a Garda Civil, os GES, os Bombeiros do Consorcio, Emerxencias da Xunta, a BRIF, a Policía Autonómica e o CIF de Servizos Forestais; e por último, unha de conclusións, onde se poidan definir cuestións como puntos de carga e outros asuntos para darlle traslado ás administracións competentes na materia.
Agora, cada grupo realizará as súas propostas de posibles integrantes destas mesas específicas para a continuación fixar datas de celebración.
Trala reunión os grupos destacaron a sintonía existente nesta mesa de traballo, acollendo con optimismo medidas anunciadas como que a Xunta se faga cargo da limpeza das franxas secundarias que protexen os núcleos habitados, aliviando así a carga dos municipios. “Todos os voceiros somos alcaldes e concelleiros e coñecemos e sufrimos a problemática, polo que a nosa vontade é acadar un documento construtivo ante esta situación”, conclúe a voceira do Goberno Provincial, Patricia Torres.
Labor da Deputación durante a extinción de lumes
O labor realizado pola Deputación de Ourense durante a extinción de incendios iniciouse formando parte do CECOP desde o primeiro momento. Ademais, desde o Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento (CIS), chegaron a mobilizarse ata 65 efectivos, con bombeiros que mesmo renunciaron as súas vacacións. Tamén se organizou o aloxamento e manutención de brigadas procedentes de Málaga, Cádiz, A Coruña, Lugo e Madrid (Bomberos Unidos sin Fronteras), mentres que o parque de bombeiros de San Cibrao reforzou operativos día a día.
O parque de maquinaria da Deputación tamén puxo persoal e máquinas a disposición das necesidades que había e en coordinación co CECOP para abrir pistas e limpar accesos, facilitando a entrada dos equipos de extinción.
Así mesmo, desde a Deputación tamén se colaboraron na prestación doutros servizos como foi habilitar fontes portátiles, a través de AquaOurense, na comarca de Valdeorras para garantir o acceso á auga tralos cortes provocados polos lumes, así como o traslado de comida a animais nas zonas afectadas polos incendios forestais.