O Concello de Muxía anuncia que a Romaría da Virxe da Barca 2025 contará por primeira vez con dous pregoeiros.
Por unha banda, os xogadores do Club de Fútbol Muxía, recoñecendo así a súa traxectoria e, moi especialmente, os importantes logros acadados este ano que enchen de orgullo a toda a veciñanza.
Por outra, tamén será pregoeiro o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, en representación da Xunta de Galicia. O seu compromiso e apoio resultan decisivos, xa que a administración autonómica financia o proxecto co obxectivo de conseguir a declaración da Romaría da Virxe da Barca como Festa de Interese Turístico Internacional. Un recoñecemento que, de acadarse, marcaría un antes e un despois para a proxección das festas, polo que o Concello de Muxía manifesta o seu profundo agradecemento.
O pregón terá lugar o venres 12 de setembro ás 20:30 horas no Malecón, enriba do palco da orquestra, e marcará o inicio oficial das celebracións.
O Concello de Muxía anima a veciños, veciñas e visitantes a asistir a este acto singular e histórico, no que se mesturan deporte, identidade, tradición e futuro.