O home, de 36 anos e sen permiso de condución, eludiu un control e acabou chocando contra o gardarraíl
A Policía Local do Porriño detivo a un home de 36 anos que levaba fuxido da xustiza máis de tres anos. O detido, que circulaba nun vehículo roubado horas antes en Tui, tentou fuxir polas rúas do casco urbano do Porriño ao detectar a presenza policial, circulando incluso en sentido contrario, ata que chocou contra un garda raíl na rúa Antonio Palacios, momento no que foi detido polos axentes da Policía Local.
Fontes policiais indican que o home nunca obtivo permiso de condución, polo que tamén se lle investiga por un presunto delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi recuperado e devolto ao seu propietario, que non se decatou do roubo ata ser avisado pola propia Policía.
Ao detido cónstanlle ata dez ordes de detención e un ingreso en prisión ditado polo Xulgado do Penal nº1 de Pontevedra. As mesmas fontes sinalan tamén que se trata da mesma persoa que, meses atrás, participara presuntamente en varios roubos con forza en establecementos comerciais do centro do Porriño, motivo polo que estaba sendo buscado polas autoridades locais, cuxa presión, fixo que trasladase a súa residencia a outro municipio.
A Policía Local do Porriño entregou ao detido no Xulgado en funcións de garda do Porriño, o cal ordenou o seu ingreso na cárcere de A Lama.
Desde o Concello do Porriño transmítese á cidadanía o firme compromiso coa seguridade e o benestar de toda a veciñanza.