HomeXunta de GaliciaGalicia rexistrou o verán climatolóxico máis cálido da serie histórica

Galicia rexistrou o verán climatolóxico máis cálido da serie histórica

- Anuncio -spot_img
  • A temperatura media foi de 21,1 graos, 2 graos máis que o habitual neste período
  • As 16 estacións máis representativas rexistraron unha precipitación media de 51 l/m2, un 62% inferior ao normal, polo que foi un período moi seco

Galicia rexistrou o verán climatolóxico (xuño, xullo e agosto) máis cálido da serie histórica iniciada en 1961, cunha temperatura media de 21,1 graos, 2 graos máis do habitual neste período, segundo o informe elaborado por MeteoGalicia.

Tomando como referencia a media das temperaturas mínima e máxima, cuxas anomalías foron 2,3 graos e 1,7 graos por riba do previsto, respectivamente, este período considérase extremadamente cálido.

En concreto, o mes de xuño foi o máis cálido desde 1961 cunha temperatura media de 20,5 graos, 2,8 graos máis do normal. No caso da temperatura mínima -cunha desviación positiva de 2,6 graos- foi tamén o máis cálido da serie histórica, mentres que tendo en conta a media da temperatura máxima -3 graos superior ao habitual- foi o segundo máis cálido rexistrado ata o momento. Estes valores fan que este mes se considere extremadamente cálido.

Pola súa banda, xullo e agosto foron meses moi cálidos. No primeiro, a temperatura media foi de 20,9 graos, o que supón 1,3 graos máis que o habitual. As medias das temperaturas mínima e máxima foron de 1,2 graos e 1,3 graos, respectivamente.

En canto ao mes de agosto, foi o segundo máis cálido da serie histórica e ten como característica salientable o longo episodio de calor entre os días 2 e 17. Deste xeito, a temperatura media acadou os 21,8 graos, 1,9 graos superior ao normal. En canto ás medidas das temperaturas mínima e máxima, os rexistros foron tamén moi cálidos con desviacións positivas de 1,3 graos e 2,5 graos, respectivamente.

En canto ás chuvias, Galicia rexistrou un verán climatolóxico moi seco cunha precipitación media acumulada entre as 16 estacións máis representativas de 51 litros por metro cadrado, o que representa un 62% inferior ao habitual no período de referencia 1981-2010. De feito, para atopar un verán máis seco hai que remontarse ao ano 1981.

Máis polo miúdo, o mes de xuño foi moi seco cunha precipitación media acumulada de 18 l/m2, un 68% por debaixo do normal. Xullo e agosto foron secos con 15 l/m2 -un 55% inferior ao habitual- e 18 l /m2 -un 58% por debaixo do normal-, respectivamente.

Publicacións Relacionadas