- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes cualifica como “outra das ocorrencias ás que lamentablemente nos ten acostumados” Óscar Puente que Renfe valore reclamar á Xunta os custos dos cortes da liña ferroviaria entre Galicia e Madrid en agosto debido á vaga de lumes
- Reclama ao titular do departamento estatal que asuma “dunha vez” as súas responsabilidades e dea solucións de maneira urxente ás continuas incidencias e retrasos que sofren cada día as persoas usuarias dos servizos ferroviarios na comunidade
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reclama ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, “menos palabras e máis feitos”, sobre o estudo dunha rede de trens de proximidade para Galicia do que o ministro se pronunciou no Congreso e, unha vez máis, sen concrecións. Cómpre aclarar que a Xunta apoia a creación dunha rede de proximidade en Galicia como existe noutros territorios porque, precisamente, o Executivo estatal ten “desatendidos” este servizos e os de media distancia na comunidade.
O conselleiro lembrou que o Goberno central leva anunciando que traballa nesta análise de viabilidade desde hai máis dun ano e que o que adiantou son catro áreas sen apenas concrecións: as cidades da Coruña e Vigo e outras dúas liñas ás que o ministro se referiu, sen dar máis detalles, como “unha liña de interior e outra máis global para o Eixo Atlántico”. Pero, como aclara o conselleiro, “un estudo completo debe ter en conta as necesidades de interconexión de toda a comunidade galega”.
Diego Calvo tamén fixo referencia ao “baile de datas” que se dá neste caso e aos que “xa nos ten acostumados o ministro” como ocorre tamén, por poñer un exemplo, cos prazos do AVE entre Galicia e Portugal e, en concreto, co estudo informativo da Saída Sur de Vigo. No que se refire ao estudo sobre os trens de proximidade cómpre recordar que en 2024 o ministro xa falaba de planificación da rede, en xuño deste ano anunciábanse resultados para 2026 e un mes máis tarde dicíase que o estudo podería estar listo a finais deste ano, pese a que como aclarou despois Óscar Puente, aínda lle quedan varios meses de traballo.
“Esperamos que se materialice pese ao baile de datas, aínda que tendo en conta a experiencia, dubidamos que as palabras do ministro se convertan en feitos”, incidiu o conselleiro de Presidencia. Neste sentido, sinalou que declaracións de Óscar Puente sobre a decisión de non recuperar paradas do tren de alta velocidade na Gudiña porque, na súa opinión, “o AVE non é un tren para a España vaciada” son as que precisamente resultan “pouco alentadoras” para confiar nunha futura rede de proximidade que integre a toda a comunidade. Precisamente o caso da Gudiña é unha mostra de que, unha vez máis, “o Goberno central segue agravando o desequilibrio territorial e despreocupándose da Galicia interior”.
De todas formas, mentres avanza este proxecto, Diego Calvo insiste unha vez máis ao ministro que debe “deixar de tomar o pelo aos galegos e pasar dunha vez das palabras aos feitos”. Así, urxiulle a asumir dunha vez as súas responsabilidades e exercer as súas competencias dando solucións aos problemas que cada día sofren os galegos e galegas nos servizos ferroviarios da comunidade. “Seguimos reclamando de forma urxente e prioritaria e sen ter resposta, medidas para as continuas a incidencias, avarías, retrasos, problemas na venta de billetes, incremento no custo dos mesmos, redución e supresión de frecuencias…”, explicou o conselleiro, que engadiu ademais a falta de información por parte de Renfe tanto ás persoas usuarias como á Xunta, que leva agardando meses polo interlocutor comprometido polo Goberno central.
Reclamación Renfe por cortes de vía durante a vaga de incendios
Precisamente pola inacción do Ministerio no que compete ás súas responsabilidades no transporte ferroviario ou no aeroportuario tras a redución e eliminación de frecuencias de Ryanair, o conselleiro de Presidencia amosouse sorprendido polas declaracións do ministro Óscar Puente sobre a posibilidade de que Renfe considere demandar á Xunta polos cortes no servizo na liña entre Galicia e Madrid durante a vaga de lumes do pasado agosto.
Nos cortes e na reanudación do servizo ferroviario -indicou o conselleiro- o prioritario era garantir a seguridade de viaxeiros e traballadores segundo a evolución dos incendios e ata que a súa extinción permitise o restablecemento da circulación. Ademais, cómpre lembrar que corresponde a ADIF avaliar o estado da infraestrutura e a Renfe ofrecer opcións alternativas por estrada nos tramos afectados, ao igual que a Xunta fixo no transporte público por estrada da súa competencia. A Administración autonómica colabora coa central de maneira coordinada e leal. “Esa é a diferenza entre un Goberno serio e que xestiona como o galego e un Goberno como o de España que, lonxe de axudar cando fai falta, confronta coas comunidades autónomas e goberna a base de improvisacións”, indica o conselleiro.
Para Diego Calvo estas declaracións non son máis que “outra das ocorrencias do ministro ás que, lamentablemente xa nos ten acostumados”. Ao mesmo tempo, recordou que precisamente algúns dos incendios rexistrados en agosto en Galicia foron provocados por chispas ao paso do tren. Polo tanto, seguindo o seu criterio, “quen debería indemnizar a quen?”. É por exemplo o caso do lume ocasionado aparentemente por posibles chispas dun tren na parroquia de Seixalbo, no concello de Ourense, que quedou extinguido o pasado 16 de agosto tras afectar unha superficie de case 108 hectáreas. Precisamente nesta zona o Goberno galego tamén está agardando algunha nova sobre o avance do proxecto de construción ferroviaria da Variante Exterior de Ourense, dende Seixalbo ata a estación da cidade.