HomeVigoMosO Concello de Mos e a Xunta formalizan a sinatura do convenio...

O Concello de Mos e a Xunta formalizan a sinatura do convenio para a construción de 79 novas vivendas protexidas en San Eleuterio

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez, firmou hoxe en San Caetano coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, a concesión dun préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, de 1,2 millón de euros no marco de novo Fondo de Cooperación para a construción de vivenda protexida da Xunta. No acto de sinatura tamén estivo o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.

En concreto, con este crédito concedido pola Xunta, o Concello ten como obxectivo a adquisición de 11 parcelas na zona de Tameiga–San Eleuterio, que suman unha extensión de 13.905,40 metros cadrados, coa finalidade de construír 79 novos fogares protexidos, que se suman ás 20 vivendas de promoción pública xa en execución nesta urbanización.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que este convenio “multiplicará por cinco a oferta de vivenda pública prevista no municipio, pasando de 20 fogares, que xa están en marcha, a 100”. A rexedora engadiu que “hoxe damos un paso decisivo para garantir que Mos siga sendo un territorio vivo, con futuro, habitable, accesible e con oportunidades para todos e todas”.

Arévalo agradeceu tamén á Xunta de Galicia o seu apoio e compromiso “para seguir facendo de Mos un lugar onde construír proxectos de vida”, e incidiu en que “a adquisición destes terreos permitirá avanzar cara un proxecto de vivenda pública pensado para a xente nova, as familias e as persoas que máis o precisan”.

Con este paso, Mos consolídase como un dos concellos galegos cunha aposta máis decidida polo acceso á vivenda protexida e pola creación de espazos residenciais ao servizo da cidadanía.

Fondo de Cooperación

Este Fondo de Cooperación é unha nova liña de actuación do Goberno galego e está dotada con 10M€. Ten como obxectivo o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción a todos os concellos de Galicia, independentemente dos seus habitantes. Poderá financiarse, sen xuros, total ou parcialmente, a promoción de vivenda protexida de nova construción, actuacións de urbanización dirixidas ao paso dun ámbito de solo da situación de rural a urbanizado para crear parcelas aptas para a edificación e a adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.

O prazo para solicitalo rematará o 15 de outubro e se xestionará a través dun convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o concello destinatario do financiamento.

Esta liña de financiamento súmase ao Fondo de Cooperación para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con 3,7M€, que xa se ven convocando desde 2017.

Publicacións Relacionadas