HomePontevedraCampo LameiroRosa Cedrón abrirá a Festas d@s Moz@a en Campo Lameiro na que...

Rosa Cedrón abrirá a Festas d@s Moz@a en Campo Lameiro na que actuarán Milladoiro e Luar na Lubre

- Anuncio -spot_img

O festival terá lugar o domingo 7 de setembro a partir das 19:15  horas na Praza do Concello.

A cantante galega Rosa Cedrón será a encargada de abrir a Festa d@s Mo@s en Campo Lameiro, este domingo 7 de setembro a partir das 19:15 horas, nun festival no que tamén participarán os míticos grupos de folk de proxección internacional como son Milladoiro e Luar na Lubre. 

Rosa Cedrón interpretará temas do seu repertorio persoal, no que conviven composicións propias e versións cheas de emoción, sempre acompañadas da súa inconfundible presenza escénica e do son do violonchelo. A súa música, que viaxa entre o folk, a música clásica e as novas sonoridades, crea unha experiencia única que conecta directamente co público.

O mítico grupo Milladoiro tomará o relevo no escenario a Rosa Cedrón e sobre as 20 horas volverá á Festa d@s Moz@s de Campo Lameiro despois de 44 anos da súa última estancia neste festival e farao con temas de entón e novos traballos da súa xira deste ano. 

Co seu inconfundible son —no que conviven gaitas, frautas, cordas e percusión— Milladoiro ofrecerá un percorrido polos temas máis recoñecidos da súa traxectoria xunto con pezas do seu repertorio recente. O concerto está concibido para un formato familiar e de proximidade, poñendo en valor a música galega e a vivencia colectiva do directo.

Milladoiro é unha referencia internacional da música galega de raíz. Coidando tanto a investigación do patrimonio musical como a creación propia, a banda consolidou un estilo recoñecible que proxecta o folk galego no mundo a través de composicións instrumentais e arranxos de gran riqueza melódica.

Luar na Lubre pechará a xornada cultural e musical de Campo Lameiro iniciando a súa actuación sobre s 21:45 horas co seu característico son, no que se mesturan gaitas, frautas, cordas, percusión e voces.

Luar na Lubre fará un percorrido polos grandes éxitos da súa traxectoria e presentará temas máis recentes, sempre cunha posta en escena cargada de emoción e enerxía. A súa música, enraizada na tradición galega e aberta ás influencias doutras culturas atlánticas, fará vibrar ao público de todas as idades.

Con máis de 35 anos de traxectoria, Luar na Lubre estivo na Festa d@s Moz@s hai 33 anos e volve agora con moita máis forza, experiencia e prestixio. De feito, é un dos grupos galegos de música folk máis recoñecido a nivel internacional. Creado na Coruña en 1986, leva publicados numerosos discos e percorreu escenarios de Europa, América e Asia. A súa música combina tradición e modernidade, transmitindo a esencia da cultura galega ao mundo polo que a súa actuación será o broche de ouro da XIV Festa d@s Moz@s de Campo Lameiro.

Publicacións Relacionadas