— A nova acción para fomentar e prestixiar o idioma, cunha achega de 30.000€, supón a primeira actuación conxunta deste tipo entre as tres entidades
— A proposta consta, entre outros materiais, dun vídeo promocional no que o galego aparece como un superpoder, convidando aos estudantes a demostralo
— Valentín García resalta que “se trata de xerar un apego polo galego entre a comunidade estudantil, tanto no que ten que ver co saber como fóra das aulas”
A Xunta de Galicia e as tres universidades galegas poñen en marcha unha campaña conxunta para o fomento do uso da lingua mediante un convenio a través do que o Goberno autonómico achega 30.000€. A iniciativa, coordinada pola Comisión Interuniversitaria de Normalización Lingüística, foi presentada hoxe polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacando que “se trata da primeira acción deste tipo que se desenvolve entre as tres institucións académicas”.
Baixo o lema O galego xa é teu, a proposta, tal e como explicou o representante do Goberno autonómico, “trata de chegar ás xeracións máis novas, un dos grupos nos que poñemos especialmente o foco desde que elaboramos un plan de accións para impulsar o uso da lingua e o seu prestixio na sociedade”, referíndose así ao Pacto pola Lingua, que se puxo en marcha desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para lanzar medidas inmediatas e a longo prazo destinadas a aumentar a presenza do galego nos distintos ámbitos da poboación.
Deste xeito, Valentín García puntualizou que “no eido universitario tratamos de xerar ese apego dos estudantes polo idioma como lingua vehicular do saber e o coñecemento”, engadindo que o obxectivo está “tamén fóra das aulas, nos momentos de socialización entre compañeiros e nas actividades extracurriculares”. Neste senso, incidiu en que “se trata dun ámbito con gran peso para potenciar o galego”.
Así, agradeceu a implicación da comunidade universitaria con esta proposta, nun acto no que estivo acompañado pola vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda Moriilo, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Núñez Singala.
A campaña, que se encadra nas liñas de actuación en materia de lingua acordadas nunha xuntanza da Comisión Interuniversitaria mantida o pasado mes de maio, consta dun vídeo a modo de tráiler de película protagonizada por un superheroe con un superpoder, o galego, facendo un chamamento a que este é o momento para demostralo. Ademais deste contido audiovisual, que se está a difundir a través das redes sociais universitarias e nos seus correspondentes portais, tamén se distribuirán distintos materiais coa imaxe e produtos promocionais, como camisolas, entre a comunidade estudantil.
Cómpre destacar, neste senso, que a Xunta de Galicia lanzou hai meses a campaña Saca a lingua que levas dentro, con difusión a través de diversos medios e en distintos ámbitos, que marcou o comezo dunha serie de accións que se están a desenvolver desde finais do ano pasado, como son distintos cursos de galego para sectores concretos, contidos en plataformas dixitais ou actividades de lecer nos centros escolares.