HomeA CoruñaAberto o prazo de inscrición no “V Torneo promoción de xadrez” programado...

Aberto o prazo de inscrición no “V Torneo promoción de xadrez” programado para o día 20 de setembro

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá no Concello con Juan Manuel Caneiro, María Luisa García e David Roca, presidente, vicepresidenta e tesoureiro, respectivamente do Círculo Xadrez Narón, a quinta edición do Torneo promoción de xadrez que se desenvolverá o día 20 deste mes no centro cívico social do Alto do Castiñeiro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o xoves día 18 –ás 12:00 horas- a través da web: www.xadreznaron.es. A Federación Galega de Xadrez (Fegaxa) organiza a convocatoria co Círculo xadrez Narón e o Concello de Narón, contando coa colaboración doutras entidades e empresas.

          O circuíto, valedeiro para a décimo oitava edición do Galego de Promoción (para poder participar é obrigatorio estar federado, ofrecéndose axuda para a tramitación), desenvolverase nas categorías sub 8, sub 10, sub 12 e sub 14. As diferentes roldas comezarán a xogarse ás 11:00 e sucederanse pola mañá ata as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:30 horas, estando prevista a entrega de premios e clausura ás 20:00 horas, tal e como indicaron dende o club local.

          Dende o Círculo Xadrez Narón destacaron que a participación neste evento representa unha gran oportunidade para aprender a mellorar as  habilidades no xadrez, coñecer novas amizades, divertirse e formar parte do circuíto galego. Haberá trofeos para os cinco primeiros clasificados de cada categoría, medallas para todos os participantes e tamén se repartirán agasallos entre os participantes a través de sorteos.

O presidente do Círculo Xadrez Narón animou á cidadanía a participar e recordou que o club mantén aberto o prazo para inscribirse nas actividades que se desenvolverán neste curso, tanto para menores como para persoas adultas.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou a implicación da Fegaxa e do Xadrez Narón por convocar esta quinta edición do torneo na cidade. Así mesmo, animou a participar no evento e tamén a iniciarse e perfeccionar o xadrez nas instalacións do club, no centro cívico social do Alto, que cada ano conta con máis federados.

Publicacións Relacionadas