A reserva pode facerse antes do luns 15. Contarase coa actuación do grupo Kupala
A gastronomía forma parte tamén da programación do Setembro Xudeu. Así o venres, 19 de setembro, celebrarase a “Cea Sefardí: Gastronomía, Música e Patrimonio no Parador de Tui”, con este menú especial, acompañado por música sefardí da man do grupo Kupala. A reserva para esta cea especial debe realizarse antes 15 de setembro no teléfono 986 600 300 ou no correo tui@parador.es cun prezo de 38€ por persoa.
O menú sefardí esta composto por estes pratos:
- Cebola rechea de cabaza especiada, pistachos e melaza de granada (receita inspirada nas “çebollasreynadas” sefardís do Imperio Otomán do século XVIII, xa citadas en actas inquisitoriais)
- Albondeguiñas de peixe con salsa de limón (Komidika tradicional de Pesaj ou Pascua)
- Ginestada (crema doce elaborada con leite de améndoas, fariña de arroz, azucre e especias, baseado na cociña medieval, que é tamén un doce da Pesaj coñecido como “manxar de reis”)
- Pan ácimo (Pan ritual sen fermentar, símbolo de Pesaj e do “pan da aflición” do éxodo)
- Bebida incluída: auga natural filtrada, copa de viño e café
Durante a cea actuará o grupo Kupala, formado por Vadzim Yukhnevich, voz e baián; Xacobe Lamas, violín; e Chus Pazos, batería.
Kupala é unha festa que se celebra en varios países de centro e leste de Europa o 24 de xuño coincidindo coa noite de San Xoán. “Kupala” é así un grupo que se basea no folclore e na música klezmer dos anos vinte, música sefardí, ademais dunha reinterpretación de temas vocais tradicionais de Bielorrusia con arranxos. “Kupala” é tamén unha homenaxe a Yanka Kupala, poeta e escritor, que recupera e promociona o idioma bielorruso, linga materna do cantante e acordeonista do grupo.
Este mesmo menú poderá degustarse ao longo deste mes, previa reserva, no Parador de Turismo de Tui, que se suma a estas actividades ofertando este menú sefardí formado por pratos elaborados en base ás receitas tradicionais.
A concelleira de Turismo, Ana María Núñez, destaca que esta oferta une patrimonio, gastronomía e música nunha experiencia inmersiva que recupera a memoria sefardí e complementa o amplo programa de actividades que desenvolve o Concello de Tui no “Setembro xudeu”.