No evento participarán, este sábado 13 de setembro, case 70 vehículos cun mínimo de 30 anos e o máis antigo é do 1970.
Os alcaldes de Campo Lameiro, Carlos Costa; de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; e de Moraña, José Luis Gómez, xunto con membros do Club Condado e Paradanta, presentaron a I Clásica Terras de Petróglifos, unha proba de regularidade histórica que sairá desde a Praza do Concello de Campo Lameiro o sábado 13 de setembro ás 15 horas e na que participarán case 70 vehículos cun mínimo de 30 anos e o máis antigo é do 1970.
O rexedor de Campo Lameiro, Carlos Costa, agradeceu á organización que apostara pola saída e chegada deste evento desde o municipio e sinalou que “é un orgullo para nós ser punto de inicio e final desta primeira Clásica Terras de Petróglifos, un evento que ademais de dar visibilidade ao noso concello, dinamiza a economía local e pon en valor o noso patrimonio cultural”.
O evento reúne un total de 68 inscritos procedentes de distintos puntos de Galicia, que afrontarán un percorrido de 160 quilómetros dividido en tramos por estradas abertas ao tráfico. Os vehículos históricos deberán manter en todo momento unha velocidade media inferior aos 50 km/h, respectando as normas de circulación e os límites de velocidade establecidos.
O director da proba, Vicente Manteiga Barragáns, agradeceu a colaboración dos concellos participantes e dos patrocinadores, salientando que “o Concello de Campo Lameiro ofrecerá un pincho aos participantes ao mediodía, cedeu as instalacións municipais para a cea final no Pavillón e colocará o arco de saída diante da Casa Consistorial”.
Do mesmo xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade ofrecerá un pincho a media tarde, mentres que o Concello de Moraña asumirá o custe dos trofeos, que serán pedras gravadas con petróglifos.
A proba conta co patrocinio principal de Start Motor e con varios apoios adicionais. Entre eles, destaca a creación da Copa Ford Classic Blanco Motor, aberta a todos os modelos da marca, con trofeos para os tres primeiros clasificados. Tamén se disputará a Copa Interconcellos Kingsdetrail, con premios aos mellores participantes nos tramos que discorren polos tres concellos. Ademais, os organizadores instauraron o Trofeo ao Equipo Debutante, no que competirán 12 vehículos clásicos que participan por primeira vez nunha proba deste tipo.
A chegada terá lugar no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, reforzando a vinculación da proba co patrimonio cultural da zona.
Manteiga expresou o seu desexo de que este evento se consolide xa que, segundo dixo, “axudará a crear dinamismo e faime especial ilusión porque eu son de aquí, de Campo Lameiro; por iso, como director da proba, apostei porque a saída e a chegada tivesen lugar no meu pobo”.