A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, visitaron os traballos que se desenvolven nesta travesía
Concello e Xunta invisten un total 1,24 millóns de euros nas obras, cuxa segunda fase dará comezo no límite con Bertamiráns e que se coordinarán coa instalación das novas marquesiñas de autobuses
A primeira fase das obras de humanización e mellora da seguridade viaria da estrada AC-543 ao seu paso polo núcleo de Os Ánxeles (Brión), que inclúen a reposición do sistema de saneamento e abastecemento de auga, están a piques de rematar xa que so resta o aglomerado da estrada, que será acometido en breve e dependendo sempre das condicións meteorolóxicas. Así o confirmou esta mañá o alcalde de Brión, Pablo Lago, durante unha visita ás obras na que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e concelleiros e concelleiras de Brión.
“É unha actuación moi importante para o noso concello pola problemática que temos coas beirarrúas, que non eran transitables nin para as cadeiras de rodas nin para os carriños dos bebés”, explicou Lago Sanmartín, quen agradeceu “á conselleira e á Xunta tanto o investimento como a cesión da estrada”. Unha actuación que conta cun orzamento de 606.402,72 euros, dos que a Xunta achega o 70% (423.781 €) e o Concello de Brión o 30% restante.
A maiores, “nós, coñecedores de que estabamos nunha zona onde se instalou o primeiro sistema de saneamento e abastecemento de auga en Brión, duplicamos esa achega para deixar tamén arranxado todo o que vai por debaixo da estrada”. Isto supón que o conxunto das actuacións que se van realizar nun tramo de 1,5 km, entre o límite con Ames ata a conexión coa estrada DP-1301 e as urbanizacións Agronovo e Inxerido, suporán un investimento conxunto de 1,24 millóns de euros por parte do Concello de Brión e a Xunta de Galicia.
Colaboración entre administracións
Pola súa banda, María M. Allegue puxo en valor a “colaboración entre administracións no obxectivo común que é mellorar os servizos e mellorar a vida das persoas”. Sinalou que por este tramo circulan ao día 7.000 vehículos e, cos traballos que se están a executar, “converterase nun espazo máis humanizado, moderno e seguro”.
A conselleira subliñou que a seguridade viaria “é absoluta prioridade” para a Xunta e con estes traballos na AC-543 mellorarase a seguridade viaria do treito de concentración de accidentes (TCA) que detectara a Axencia Galega de Infraestruturas neste ámbito urbano. De xeito paralelo, a Administración autonómica está a executar a mellora de accesibilidade e conexión de 6 paradas de autobús neste treito urbano.
Finalmente, Allegue lembrou que a Xunta ten aberto ata mañá venres o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de conversión en autovía de 4,9km da estrada Brión-Noia, por un importe de licitación de 11,2M€. Estes traballos desenvolveranse desde Brión ao enlace de Urdilde, en Rois. A previsión da Xunta é ter adxudicadas as obras a finais de ano para iniciar o antes posible os traballos.
Fin da primeira fase
As obras inclúen de humanización da estrada AC-543 que, ata a posta en marcha da autovía Santiago-Brión e o corredor Brión-Noia, era practicamente a única vía de comunicación de Compostela, Ames e Brión coa ría de Muros-Noia. Porén, nestes momentos pasou a ser máis unha estrada de tráfico local, con interseccións de tráfico pesado das áreas industriais da contorna en dirección á autovía.
As obras que se van acometer ao longo dos 1,5 km deste viario permitirán calmar o tráfico, a través dun estreitamento da calzada, gañar espazo para as persoas coa ampliación das beirarrúas en condicións de accesibilidade, repoñer a capa de rodaxe, renovar a sinalización horizontal e repoñer dos servizos de alumeado público, saneamento e pluviais.
Durante a visita institucional, o director da obra explicou a execución das obras está dividida en dúas fases. A primeira fase (entre a rotonda coa AC-300 e a conexión coa estrada DP-1301 e as urbanizacións Agronovo e Inxerido) ten finalizadas as obras de canalización do abastecemento e do saneamento, así como as beirarrúas, polo que cando as condicións meteorolóxicas o permitan acometerase a pavimentación da zona. Deste xeito, completarase o 40% de toda a actuación.
Acto seguido darán comezo os traballos da segunda fase, sobre os que hoxe se confirmou que se iniciarán no límite do concello de Brión con Bertamiráns, á altura do Balneario do Tremo. Unha obras nas que, ademais de incluír tamén a reposición das canalizacións de saneamento e abastecemento, tamén se coordinarán coa Axencia Galega de Infraestruturas para a colocación das novas marquesiñas de autobuses.
Finalmente, o alcalde volveu agradecer a colaboración veciñal no desenvolvemento destes traballos. “Somos conscientes de que todas as obras causan certas molestias pero consideramos que son máis que razoables se temos en conta os importantes beneficios que achegarán, por unha banda, ao conxunto dos veciños e veciñas de Brión unha vez que estean rematadas, e en especial aos residentes, que terán un novo e moderno sistema de saneamento, así como unhas beirarrúas para que persoas con mobilidade reducida ou cun carriño de bebé poidan circular pola zona sen obstáculos”.