Un total de 20 alumnos e alumnas dos Obradoiros de Emprego “Polo Mar de Redondela”, das especialidades de “Carpintería de Ribeira”, e “Forestal-Xardinería e Agricultura Ecolóxica” remataron a súa formación. Logo dun ano de formación teórica e práctica o alumnado recolleu esta mañá os Certificados de Profesionalidade no pazo de Pousadouro. Na entrega dos diplomas participou a alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, a Delegada da Xunta, Ana Ortiz, o Director Territorial de Emprego, José Antonio Rodríguez, e a Directora do Obradoiro, Imelda Barrio.
A alcaldesa dirixiuse ao alumnado para agradecerlles “o esforzo e compromiso, as gañas de aprender e de superarvos para aproveitar tan ben todo o que as mestras e mestres vos ensinan.”. Rivas tivo tamén palabras de agradecemento para o equipo docente e a directora, “sempre preocupados e ocupados en ofrecerlle ao alumnado a mellor formación posible”. A alcaldesa lembrou que nestes meses de formación e traballo “xa teñen demostrado que son uns grandes profesionais”.
No caso do alumnado de Carpintería de Ribeira, a rexedora salientou que foron os artífices de crear “a réplica exacta do bote Manuel, todo un símbolo da Memoria Democrática de Redondela. Tamén se formaron noutros traballos de carpintería, e encargáronse da colocación de contras nas Casas dos Mestres e nova tarima no Multiúsos de Chapela.
Os alumnos-traballadores da modalidade de Forestal-Xardinería e Agricultura Ecolóxica realizaron traballos como a renovación e conservación de rotondas, os xardíns de Regojo e a Xunqueira e tarefas forestais como a roza da zona arqueolóxica de Monte Penide. Rivas puxo en valor tamén “a súa gran labor social”. Grazas ao convenio entre o Concello e Cáritas toda a produción da súa horta ecolóxica foi doada ao Banco de Alimentos “con máis de 1.500 quilos de produtos frescos ao longo do curso”.
Desde o Concello a alcaldesa e o edil de Emprego desexáronlle “o mellor” no seu futuro laboral, e fixeron un chamamento ás empresas destes sectores para que teñan en conta que se precisan facer contratacións “aquí poden contar con persoal moi cualificado”.