HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu repavimenta a rúa Staffan Mörling e o aparcadoiro...

O concello de Bueu repavimenta a rúa Staffan Mörling e o aparcadoiro do pavillón Pablo Herbello

- Anuncio -spot_img
  • As obras, financiadas polo Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra, foron adxudicadas a Oresa Construcción y Servicios Globales SL, cun orzamento de 46.380,92 €, IVE engadido
  • Félix Juncal, alcalde da vila, aclara que “as obras de pavimentación remataranse antes da fin de semana, pendentes do pintado posterior, polo que se poderá acceder para o comezo do curso escolar, tanto á rúa como ao aparcadoiro”

O Concello de Bueu comezou coas obras de repavimentación da rúa Staffan Mörling e do aparcadoiro do Pavillón Municipal Pablo Herbello, situados ambos nunha zona na que conflúen moitos servizos e que se atopaban cun firme irregular en moi mal estado dende hai tempo. Félix Juncal, alcalde da vila, aclara que “as obras de pavimentación remataranse antes da fin de semana, pendentes do pintado posterior, polo que se poderá acceder para o comezo do curso escolar, tanto á rúa como ao aparcadoiro”. Así o comunicou despois da visita deste mércores as obras xunto a outros edís do goberno, como Celso Dopazo, de mantemento de viais e centros educativos, Alberto Moital, de patrimonio, e Carmen García, de cultura.

A actuación lévase a cabo con cargo ao Plan + Provincia 2024 da Deputación, e foi adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales SL, por un orzamento de 46.380,92 €, IVE engadido.

As obras servirán para implantar un maior número de prazas de estacionamento, cun total de 45 e tres delas para persoas con discapacidade. Para o aproveitamento do espazo, primeiro desmontarase un pequeno talude existente na parte dereita, contra o edificio do pavillón. Despois construirase un muro de contención de bloque con posterior recheo, e sobre este farase unha soleira de formigón a mesma cota que o pavimento do soportal do pavillón. Para rematar marcaranse todas as prazas de aparcamento, as frechas de dirección, os pasos peonís, a liña descontinua de separación dos carrís, as zonas de aparcamento dos autobuses e a sinalización vertical necesaria.

Asuperficie repavimentada é de2.777,00 m², correspondéndose 1.235,00 m² coa zona do aparcamento, e 1.542,00 m² coa da rúa Staffan Mörling.

Con esta actuación, dende o goberno local melloran a accesibilidade a un dos lugares con máis tránsito e mobilidade tanto peonil como de vehículos, dado que conflúen o Pavillón Pablo Herbello, os dous institutos, o CEIP Plurilingüe A Pedra e o Centro de Saúde de Bueu.

Publicacións Relacionadas