Toda a información pódese consultar na web do Concello, que instala tamén unha carpa informativa que percorre diferentes barrios da cidade
Tamén mañá entrarán en funcionamento as cámaras de control de acceso de vehículos ao centro histórico e os radares
O Concello de Ourense lembra que mañá, martes, día 16 de setembro, entrará en servizo a nova rede de liñas do servizo de autobuses urbanos, coincidindo coa celebración da Semana da Mobilidade. As viaxes no servizo municipal serán gratuítas durante 7 días (desde mañá, 16, até o luns, 22 de setembro). Toda a información: listaxe completa e actualizada de rutas, horarios e paradas da nova rede está dispoñible na web do Concello www.ourense.gal
O Concello e a empresa concesionaria Avanza instalan unha carpa desde hoxe até o 22 de setembro en diferentes barrios da cidade para informar a cidadanía acerca da nova rede. A carpa está hoxe pola mañá (11.00 a 13.00 h) en Bispo Cesáreo (Alameda), o martes na explanada da estación intermodal, o mércores na residencia (rúa Ramón Puga, 54, xunto ao quiosco), o xoves na Avenida da Universidade (número 18), o venres, na Praza da Mariña, o sábado e o domingo na Praza do Bispo Cesáreo e o luns, 22, no Parque de San Lázaro. Todas as tardes estará en Bispo Cesáreo, de 17.00 a 20.00 h
Tamén mañá, 16 de setembro, entrarán en servizo as cámaras de control de acceso de vehículos ao centro histórico e o dispositivo de control de velocidade en diferentes rúas da cidade a través de radar.