- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participan hoxe no evento ‘Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa’, que arrancou onte e se prolongará deica mañá
- O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentará este martes o destino Galicia ante prescritores e profesionais do sector turístico de Lisboa
- O evento inclúe showcookings de seis cociñeiros galegos e un portugués, unha cata de queixos galegos, a presentación do libro ‘Artesanía no prato’ e a exposición das ceramistas Ana Tenorio e Laura Delgado, galardoadas co Premio Artesanía de Galicia
- ‘Artesanía no Prato’ é un proxecto pioneiro que incorpora pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía para engadir singularidade e exclusividade ao tempo que mellora a experiencia sensorial do consumidor
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participan hoxe no evento profesional Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa, que arrancou onte e se prolongará deica mañá dirixido a profesionais da gastronomía, da hostalería e do contract, así como a prescritores de medios especializados. O obxectivo deste evento —enmarcado no proxecto pioneiro en España Artesanía no prato— é impulsar a promoción e a comercialización da gastronomía, do produto e da artesanía de Galicia en Portugal. Será, precisamente, mañá martes, cando o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participe na cita presentando o destino Galicia ante prescritores e profesionais do sector turístico portugués.
Na súa visita ao evento, Alén destacou que o programa de actividades inclúe unha exposición permanente de pezas de Artesanía de Galicia na que participan as ceramistas Ana Tenorio, do taller Wichtneeds (Vigo), e Laura Delgado (Cambre), ambas as dúas gañadoras do Premio Artesanía de Galicia nos anos 2018 e 2022 respectivamente. As dúas artesás tamén intervirán nos showcookings para falar das súas respecticas experiencias de colaboración cos cociñeiros.
En concreto, tras as mostras de cociña de onte, hoxe arrancou Jorge Gago (A Maceta) cunha sesión gastronómica acompañada de vermú Lodeiros (Santiago de Compostela). Despois foi a quenda de Lucía Freitas (A Tafona) e do portugués Henrique Sá Pessoa (Alma), nunha proposta a catro mans.
Xa pola tarde, terá lugar a presentación do libro Artesanía no Prato, reeditado a comezos deste ano e que amosa un percorrido polo proxecto homónimo dende o seu inicio no ano 2013. Nesta publicación —editada en galego, en castelán e en inglés, con textos de Macarena Navarro-Reverter— inclúense unha escolma de fotografías de Stephane Lutier nas que se amosan pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia e menús de 15 restaurantes galegos.
Ao acabar a presentación, terá lugar unha cata degustación de queixos premiados nas Catas de Queixos de Galicia. Para rematar, haberá unha cea con menú degustación a cargo de Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove).
Artesanía no prato
A proposta lisboeta enmárcase no proxecto pioneiro en España Artesanía no Prato, co que se consegue unir dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local como son a artesanía e a gastronomía de xeito que se enxalcen mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor e engadindo singularidade e exclusividade.
Alén salientou que no evento participan seis cociñeiros galegos: a maiores dos xa mencionados, Pablo Morales (Habaziro Concept, A Coruña), Pepe Solla (Casa Solla, Poio) e Héctor López (Restaurante España, Lugo).
Cómpre engadir que nas sesións de demostracións e degustacións empréganse produtos de calidade e marcas galegas recoñecidas, cuxos soportes serán pezas de cerámica, olería, madeira e coiro elaboradas por 14 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: os obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alberto Lista e Alfarería Rulo, os de Vigo Ana Tenorio e Ojea Studio, os de Santiago de Compostela Degerónimo e Sangiovanni Lorenzo, Atalanta Madera (A Estrada), Cunqueiro (Palas de Rei), Carballo Estrela (Pontevedra), Celso Ferreiro (A Fonsagrada), Eferro (Vila de Cruces), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) e Susana Anta (A Coruña).