- A portavoz do grupo provincial do PP, Patricia Torres, insta ao Goberno central á dotación de recursos contra os incendios forestais que asolaron a provincia
- O Grupo Provincial do PP defenderá no pleno da Deputación a suspensión das regras fiscais para que as administracións poidan destinar inversións sostibles e necesarias nos concellos, como son os traballos de reconstrución tralos lumes
O PP de Ourense insta ao Goberno central e ao Ministerio de Defensa á creación dunha base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) no Concello de Toén, tal e como adiantou hai uns días o presidente da Xunta de Galicia e do PP galego, Alfonso Rueda, poñendo a disposición do Estado as instalacións que o goberno autonómico ten no municipio ourensán, onde se atopa o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), referente internacional na formación, cooperación e investigación na loita contra os lumes forestais. Os populares defenderán no pleno da Deputación de Ourense do próximo 26 de setembro unha moción para que o Goberno de Sánchez instale a UME na provincia, comprometéndose a prestar, desde o ámbito provincial, todos os medios necesarios para un funcionamento eficiente.
A portavoz do grupo provincial do PP, Patricia Torres, lembra que a gravidade dos incendios forestais “supera a capacidade das brigadas de extinción que se deixaron a pel durante os lumes”, polo que insta ao Goberno socialista a “facer os deberes” e dotar á provincia de Ourense de mellores recursos.
Os populares consideran “estratéxico” o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), inaugurado en 2023 pola Xunta de Galicia, como “punto ideal para toda Galicia e áreas limítrofes”, xa que facilitaría unha resposta “rápida e coordinada” en situacións de emerxencia como os lumes que asolaron a provincia este verán.
Patricia Torres destaca ademais os beneficios que reportaría a creación dunha base da UME na provincia, tales como a xeración de emprego, a creación de infraestruturas e o reforzo institucional”.
A moción do PP de Ourense tamén instará ao Goberno central á posta en marcha dun programa de axudas para paliar os danos da vaga e lumes en Ourense, así como instar ás administracións autonómica e estatal na adaptación de medidas urxentes para evitar a chegada de cinzas aos cursos fluviais.
Suspender as regras fiscais
O Partido Popular de Ourense tamén levará ao pleno provincial unha moción para conxelar, derrogar ou suspender as regras fiscais para a Deputación de Ourense e para todos os concellos, dada a grave situación económica que padecen, agravada agora polos incendios forestais. Patricia Torres lembra que a institución provincial ten “débeda cero” e sen a supresión das regras fiscais “non podemos axudar aos concellos, todo por culpa dos límites que pon o Goberno de Sánchez”.
Ademais, a portavoz popular subliña que os traballos de reconstrución e de recuperación tralos incendios “non poden esperar”, polo que considera “imprescindible que o Goberno central suprima as regras fiscais e que deputacións e concellos poidan facer inversións sostibles”.