A Praza do Calvario converterase de novo nunha pista deportiva coa celebración do II Torneo de Petanca organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello
O encontro será este sábado 20 de setembro a partir das 09.30 h
A Praza do Calvario volverá converterse no centro dunha xornada chea de deporte e convivencia coa celebración da segunda edición do Torneo de Petanca Concello do Rosal, un encontro que promete ser inesquecible e que reunirá este sábado 20 de setembro a deportistas de todas as idades nunha xornada deportiva e de lecer aberta a todos os públicos.
O torneo, organizado polo Club de Petanca O Caldeiro en colaboración co Concello, permitirá aos equipos participantes amosar a súa maña e estratexia para facerse coa vitoria en partidas que se celebrarán de 09.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Dende o Concello convídase a toda a veciñanza a asistir e compartir este día de deporte ao aire libre, bo ambiente e integración e a coñecer e desfrutar da petanca, un deporte que une xeracións e fomenta valores como o traballo en equipo e o respecto.