Lucía Santos critica a insensibilidade de Pablo Novas, concelleiro do PP, que tachou de “churreira e oportunista” o “Plan da Cinza á Vida”, unha iniciativa do BNG para previr lumes e reconstruír o monte galego
No pleno do 11 de setembro, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha moción solicitando o apoio da corporación municipal para instar á Xunta a actuar fronte á vaga de lumes que, segundo Copernicus, arrasou máis de 143.000 hectáreas -fronte ás 108.411 que recoñeceu a Xunta-. A iniciativa reclamaba medidas para reconstruír as zonas afectadas e transformar o noso territorio nun medio produtivo e seguro. Un desastre que amosa que ningún concello está a salvo desta ameaza: en Marín, sen ir máis lonxe, rexistráronse dous incendios de gran magnitude no Pornedo e no Penizas, que mesmo puxeron en perigo vivendas.
O modelo de loita contra o lume do Partido Popular (PP) volveu evidenciar o seu absoluto fracaso. A ausencia de planificación e prevención, xunto coa falta de recursos eficaces por parte da Xunta, derivou nunha auténtica catástrofe. A xestión caracterizouse pola improvisación e pola carencia de coordinación, deixando a brigadas e concellos en situacións extremadamente adversas e, en moitos casos, completamente desamparados. Esta vaga de lumes ven a evidenciar que o modelo vixente é ineficaz e alleo á realidade do noso País, polo que resulta imprescindible un cambio de rumbo.
O BNG presentou o “Plan da Cinza á Vida”, unha batería de medidas destinadas a reconstruír as zonas devastadas polos incendios e a impulsar accións de prevención que eviten que unha traxedia semellante se repita. Porén, a proposta foi cualificada polo PP como “churreira e oportunista”, en palabras do concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, algo que Lucía Santos, voceira do BNG, lamentou por consideralo unha falta de respecto ao traballo do BNG e unha mostra da insensibilidade do PP fronte ao desastre ambiental, social e económico que representan os lumes forestais.
“Cómpre un cambio de rumbo que poña no centro ás persoas e ao territorio, garantindo que o monte galego deixe de ser un foco de risco para converterse nun espazo de vida, de oportunidades e de futuro para o noso País”, concluíu Lucía Santos.