A praia da Freixa pecha tempada estival con boa nota, así o demostra o informe de Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) no que tan só se reseñan incidencia leves e ningunha maior. O tenente de alcaldesa e concelleiro de Seguridade, Juan Carlos Glez. Carrera, amosa a súa satisfacción por este balance e felicita aos integrantes do servizo de socorrismo polo seu traballo e tamén a todas as veciñas e veciños e visitantes da praia fluvial da Freixe porque “entre todas e todos facemos un uso máis responsable dos espazos públicos e convertémolos en espazos agradables cando todos respectamos as normais normas de convivencia e uso”.
Ao longo de case tres meses o Concello dispuxo de servizo de socorrismo na praia da Freixa para velar pola seguridade de todas e todos os bañistas dende as 11:00 horas ata a última hora da tarde.
Na praia da Freixa ofrécese, ademais, unha cadeira anfibia para que as persoas con dificultades motrices poidan empregala. Juan Carlos Carrera adianta que seguirán apostando pola mellora dos servizos e implementando medidas e recursos, dentro das competencias municipais, que aumenten a seguridade das veciñas e veciños.
A praia fluvial da Freixa atópase inmersa nunha zona de protección medioambiental de gran valor paisaxístico e natural ao que acuden moitas familias da localidade e tamén visitantes. Ademais está rodeada dun zona deportiva na que se practica tenis, equitación, fútbol, ciclismo ou sendeirismo, entre outras modalidades.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, convida a toda a cidadanía a visitar e sacarlle o máximo partido a este espazo que é un auténtico activo en saúde.