Acusa a Concello e Xunta de facilitar a súa proliferación por falla de medidas e denuncia que máis da metade aínda non están rexistrados no Ministerio de Vivenda malia ser obrigatorio
A fronte nacionalista reclama que o Concello exerza as súas competencias de control e realice inspeccións nas vivendas de uso turístico
Xabier P. Igrexas: “Hai que meter en cintura un sector que se está cebando con enormes beneficios a costa de impedir o acceso da maioría social á vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe poñer fin ao “absoluto descontrol e a política de barra libre” coas vivendas de uso turístico (VUT) en Vigo. A fronte nacionalista acusa os Goberno municipal e galego de facilitar a súa proliferación na cidade por falla de medidas e denuncia que máis da metade dos pisos non están rexistrados no Ministerio de Vivenda malia ser obrigatorio.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, esixiu poñer fin a “esta política de deixar facer e ollar para outro lado” ante o avance do que cualificou como “a máis grave ameaza e obstáculo ao dereito á vivenda” en Vigo. A anulación de 227 VUT ilegais en Vigo por parte do Ministerio de Vivenda evidencia, a xuízo do Bloque, esta ausencia de regulación e control tanto por parte do Concello como Xunta de Galiza.
Nos últimos cinco anos, o número de VUT pasaron de 400 a 2.400 na actualidade, o que representa o 40% do total das cidades galegas. Un feito que, para o portavoz nacionalista, está detrás do aumento de máis dun 30% nos prezos dos alugueiros dende 2020, o que provocou que hoxe en Vigo existan cinco pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial.
Sen novidades da ordenanza reguladora
A ese respecto, Igrexas advertiu de que non se coñecen avances na elaboración dunha ordenanza municipal para regular os pisos turísticos anunciada polo Goberno de Abel Caballero. “Hai que meter en cintura un sector que se está cebando con enormes beneficios a costa de impedir o acceso da maioría social a un dereito básico como a vivenda”, reclamou.
O BNG vai volver trasladar esta situación á Xerencia Municipal de Urbanismo, na sesión prevista para este martes, reclamando que o Goberno municipal exerza as súas competencias á hora de verificar que as miles de VUT existentes na cidade cumpren coa normativa urbanística, en materia de accesibilidade e habitabilidade.
O portavoz municipal do Bloque solicita tamén que o Goberno local entregue unha relación completa das declaracións de actividade de vivendas de uso turístico que se teñan rexistrado no Concello, ao tratarse requisito obrigatorio. Na mesma liña, demanda que se comuniquen á Xunta aqueles pisos turísticos que incumpren as súas obrigas legais, como están a facer outros concellos, para que a Administración galega actúe.