HomePontevedraBaixo MiñoTomiño rendeu homenaxe a Manolo Manolo Álvarez por toda unha vida comprometido...

Tomiño rendeu homenaxe a Manolo Manolo Álvarez por toda unha vida comprometido co ben común

- Anuncio -spot_img

Alcaldesa e autoridades amosaron a súa admiración por un home que traballou con xenerosidade e esforzo polo benestar da veciñanza

Emoción, admiración e recoñecemento no acto cívico do Alivio 2025. Tomiño recoñeceu esta fin de semana a figura de Manuel Álvarez, un home comprometido co ben común que dedicou toda a súa vida a traballar con xenerosidade e esforzo polo benestar da veciñanza. Entre aplausos e emoción, o concello rendeu homenaxe a Manolo, un traballador incansable e humilde, motor de proxectos colectivos que continúan a deixar a súa pegada no municipio: desde a súa implicación nas comisións de festas, entre elas as da Virxe do Alivio, ata o labor fundamental na traída de augas Tomiño–Forcadela, sempre apostando pola modernización e polo servizo á veciñanza.

“Homenaxear a Manolo é recoñecer a importancia de todas as persoas que, con humildade e dedicación, fan posible o ben común. A súa vida é un exemplo de xenerosidade e compromiso e simboliza os valores que queremos manter vivos nas Festas do Alivio: identidade, convivencia e orgullo colectivo”, afirmou a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora salientou tamén a importancia de recoñecer publicamente estas traxectorias: “Persoas como Manolo fan posible que Tomiño sexa o que é hoxe: un concello vivo, unido e solidario. O seu traballo lembra que o común é responsabilidade de todas e todos e que a mellor herdanza que podemos deixar é o exemplo”.

Visiblemente emocionado, o homenaxeado agradeceu o recoñecemento coa humildade que sempre o caracterizou e resaltou o desinterese co que sempre traballou por Tomiño. “Todo o que fixen foi polo meu pobo e pola miña xente. Este día quedará gravado na miña memoria para sempre”, recalcou.

A homenaxe contou coa presenza de autoridades locais, veciñas e veciños. A alcaldesa aproveitou para agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e da Protección Civil de Tomiño, así como o esforzo da Comisión de Festas, “homes e mulleres que durante todo o ano traballan con ilusión para que as nosas festas grandes sexan un éxito. A coordinación e o bo entendemento con eles e elas é fundamental para que todo saia do mellor xeito posible”.

Publicacións Relacionadas