Marga Caldas advirte dos problemas de accesibilidade para entrar na cancha, rodeada por maleza de altura considerable
O grupo municipal do BNG vén de manifestar a súa profunda preocupación polo estado “lamentable” da contorna da pista polideportiva da Granxa en Campelo. Segundo denuncia o Bloque, o espazo está actualmente invadido por maleza que afecta seriamente a accesibilidade e seguridade das instalacións. Nalgúns puntos, a herba alcanza case un metro de altura, obrigando ás persoas usuarias a crear un camiño improvisado para acceder, o que representa un risco innecesario.
A voceira Marga Caldas lamenta que o deficiente mantemento dos espazos públicos é xa unha constante no municipio dende a chegada do PP ao goberno. Segundo di a nacionalista, a falta de limpeza e a ausencia de solucións aos danos existentes fan que instalacións que deberían ser utilizadas e gozadas polas veciñas e veciños se atopen en condicións inaceptables. No caso da contorna da pista Granxa en Campelo, a “invasión” de maleza –advirte Caldas- non só limita o uso da cancha, senón que tamén afecta a calidade de vida na zona.
Co fin de instar ao goberno de Moldes a tomar cartas no asunto, o BNG presentou hoxe na Comisión de Urbanismo escritos ao Concello esixindo unha actuación urxente para abordar a problemática. “Non estamos a falar só de estética; trátase de garantir o dereito das nosas veciñas e veciños a gozar de instalacións públicas en condicións de seguridade e comodidade. Agardamos que non se teña que chegar a un problema grave de salubridade para que o Concello actúe”, declarou a portavoz do BNG.
Segundo Caldas, son necesarias medidas inmediatas para limpar e acondicionar a contorna da pista polideportiva, pero tamén é preciso establecer un plan de mantemento regular que evite que esta situación se repita no futuro non só neste equipamento deportivo, senón tamén noutros parques infantís e espazos das diferentes parroquias do municipio.
A voceira do BNG destaca que un dos sinais de identidade do Concello de Poio nos anteriores mandatos liderados pola formación nacionalista foi o coidado e mantemento constante dos espazos públicos. Lamenta que nestes momentos a imaxe que está a dar o municipio sexa negativa e achácao aos continuos recortes orzamentarios de Moldes para estes labores. Caldas insiste en que hai un total abandono das zonas comúns de convivencia que cada vez son menos utilizadas pola xente de Poio debido ao seu estado.