O grupo nacionalista subliña que a supresión das subvencións aboca á desaparición o conxunto de embarcacións tradicionais
O grupo provincial do BNG vén de solicitar á Deputación que recupere as axudas para o mantemento, conservación e rehabilitación do patrimonio marítimo e fluvial que foron eliminadas polo goberno do PP. As nacionalistas piden que os orzamentos de 2026 e de 2027 inclúan dotación suficiente para retomar as subvencións e advirten que non reactivalas levaría, na práctica, á desaparición do conxunto de embarcacións tradicionais do país dada a falta de recursos do tecido asociativo.
O BNG destaca que na costa da provincia de Pontevedra existen un total 23 asociacións que se encargan de recuperar, rehabilitar, conservar e divulgar a riqueza tipolóxica das embarcacións tradicionais do país que, xunto con colectivos doutras provincias, se agrupan na Federación Galega Culturmar.
Todas estas entidades, lembra o Bloque, mantéñense coas escasas achegas das persoas socias, polo que en 2020 recibiron con grande satisfacción a creación dunha liña de axudas provinciais impulsada pola nacionalista María Ortega como deputada de Patrimonio. Esta liña permitiu fomentar labores de recuperación de embarcacións e potenciar actividades de divulgación e promoción sociocultural sobre o patrimonio marítimo fluvial.
A pesares da importancia desas axudas para a viabilidade do traballo asociativo , o actual goberno da Deputación de Pontevedra eliminounas neste exercicio. A deputada María Ortega subliña que os colectivos relacionados coa cultura mariñeira na provincia “vense agora carentes de recursos para acometer as labores que permiten manter en bo estado o conxunto de embarcacións tradicionais, o que na práctica supón abocalo á desaparición”.
Segundo o BNG, a falta de sensibilidade política do Partido Popular provincial co patrimonio marítimo “é reprochable e merece a nosa reprobación política” e supón un novo paso “na súa falta de interese e no abandono do mantemento do patrimonio cultural”. Cabe lembrar que a eliminación das axudas ao patrimonio marítimo fluvial súmase á supresión das subvencións para recuperación e sinalización do patrimonio e para a eliminación da simboloxía franquista.
Por todo isto, o grupo provincial do BNG vén de presentar unha moción que se debaterá nas vindeiras comisións informativas e no Pleno da Corporación Provincial. A intención é que a Deputación de Pontevedra convoque novamente e de maneira estable a liña de axudas para o mantemento, conservación e rehabilitación do patrimonio marítimo e fluvial con dotación suficiente no orzamento de 2026 e sucesivos.
Tamén pedirá que se consensúe con Culturmar o contido, condicións, e contía económica das partidas, xunto con todos aqueles aspectos que teñen que ver cos criterios de valoración e resolución de concesión das axudas, co fin de permitir unha diversificación de actividades, que vaian dende a reparación, conservación, rehabilitación á construción de réplicas.