O asesor de Política Deportiva da Deputación, Diego Enrique Álvarez, puxo en valor a “concienciación” da xornada cara o respecto aos usuarios deste medio de transporte e invitou a cidadanía a “desfrutar en familia”
O próximo día 21 de setembro celebrarase na cidade de Ourense o “Día da Bici”, que este ano alcanza a súa 39 edición e na que milleiros de ciclistas de todas as idades percorrerán 15 rúas da cidade nunha convocatoria lúdica e deportiva de gran tradición e participación popular.
A edición de 2025 foi presentada esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa presenza do asesor de Política Deportiva da Deputación, Diego Enrique Álvarez; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, o xefe de servizos de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez, o promotor do evento, Carlos Moure, e representantes de entidades patrocinadoras.
O asesor deportivo da Deputación puxo en valor o compromiso da institución provincial con esta celebración, que se encadra na Semana Europea da Mobilidade. “O Día da Bici naceu como unha xornada para fomentar o uso da bicicleta, pero neste tempo evolucionou como unha festa familiar e nos últimos anos vén de incidir na concienciación cara o respecto aos usuarios da bicicleta”, dixo Álvarez, que invitou a participación da cidadanía nesta xornada.
“O Día da Bici é unha oportunidade para saírse das actividades de ámbito exclusivamente competitivo e reunir ás familias e desfrutar”, engadiu Diego Enrique Álvarez.
“Cando empezamos co Día da Bici era só paseo en bicicleta e co paso dos anos xa é unha festa tradicional”, sinalou Carlos Moure, que puxo en valor que para moitos nenos, este 21 de setembro, sexa “a primeira vez que utilizan a bici pola cidade”.
Pola súa banda, Aníbal Pereira, concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, felicitou a Moure pola iniciativa que “se xa ronda os 40 anos, é sinal de que os ourensáns a valoran”.
Manuel Pérez, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia, salientou a figura de Carlos Moure como promotor desta xornada que “xa é unha festa de todo o deporte ourensán grazas a súa implicación”.
Circuíto por 15 rúas da cidade
Aberta a participación de todos os afeccionados -a inscrición só da acceso a unha bolsa promocional e ao sorteo de premios tralo remate da proba-, o circuíto principiará na Alameda ás 12.00 horas e rematará no mesmo punto tras un percorrido de 11 quilómetros polas rúas Marcelo Macias, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Diez e de novo Progreso.