O alcalde aposta por este cambio de escenario coa finalidade de innovar e mellorar a festa e darlle protagonismo ao barrio da Ponte
Gonzalo Jácome explica que se trata dun espazo “precioso, que está no centro da cidade e na ribeira do río Miño, ideal para organizar esta festa”
Acollería a actividade gastronómica e a actuación do grupo Brañas Folk
O goberno municipal do Concello de Ourense valora celebrar a Festa do San Martiño – Magostos 2025 no Parque Ribeira de Canedo. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen explicou que con este cambio de escenario se podería introducir unha novidade na programación desta tradicional celebración da cidade, aproveitar as grandes potencialidades desta fermosa zona, cun amplo espazo dispoñible nunha contorna natural xunto á marxe do río Miño, e darlle protagonismo a un dos barrios, neste caso o da Ponte, como un dos “puntos clave” da cidade.
“Queremos sempre innovar e mellorar”, manifestou Pérez Jácome, quen explicou que sería a primeira vez que o San Martiño se organizase neste parque. “Até agora desenvolvíase na zona vella, cun éxito total, pero estudiamos cambiar de escenario e experimentar outros barrios. Ademais, poucas semanas antes, o día 31 de outubro, teremos o Halloween no centro histórico e non nos gusta que dúas festas tan distintas teñan o mesmo escenario”, asegurou.
O rexedor destacou que o Parque Ribeira de Canedo, xunto á Ponte Romana, “é un espazo precioso, que está no centro da cidade, na ribeira do río Miño, amplo e ideal para organizar unha festa como o Magosto. Ademais, é unha zona enorme, na que cabe máis xente ca na Praza Maior”. Pérez Jácome advertiu tamén que “levar a festa á Ponte busca tamén que os barrios vexan que forman parte clave e son protagonistas da cidade”.
O Parque Ribeira de Canedo sería escenario así da programación de actividades na súa vertente gastronómica (cos puntos de castañas, chourizos, porco ao espeto e outros), así como a actuación musical do grupo Brañas Folk, contratado polo Concello para esta celebración. A programación incluirá tamén a actuación dunha orquestra, que estará ao outro lado da ponte, xunto ao Pavillón dos Remedios.