A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases do programa “TERnadal”, dotado con 108.000 euros e que responde ao compromiso adquirido polo presidente provincial, Luis Menor, na súa condición de presidente da Sección de Vilas Termais da FEMP, xa que este programa servirá de guía para este organismo estatal
Tamén foron aprobados outros asuntos na Xunta de Goberno, que supoñen a mobilización de 1.091.417,95 euros, dos que 838.917,95 están destinados á cooperación con municipios e 144.500 euros a colaborar con diferentes entidades provinciais
A Deputación acaba de aprobar as bases dun programa piloto para que os balnearios da provincia abran durante o mes de decembro con actividades orientadas á saúde emocional. Baixo o nome de “TERnadal”, e cunha dotación económica de 108.000 euros, facilitaralle aos centros termais da provincia unha nova iniciativa de cooperación público-privada que lles permitirá permanecer abertos durante a meirande parte do mes de decembro.
Este foi un dos 26 asuntos aprobados hoxe en Xunta de Goberno, e foi destacado polo presidente provincial, Luis Menor, como “un novo programa termal cheo de sensibilidade dunha Área desta Deputación, a de Benestar, que non deixa de innovar e traballar a prol de quenes máis o precisan”. De feito, Menor recalcou que esta iniciativa está chamada a dar resposta a un compromiso adquirido no mes de xullo e que redundará nun mellor servizo e en maiores oportunidades económicas e de desenvolvemento dos balnearios da provincia.
O compromiso ao que se referiu Menor foi o asumido no pasado mes de xullo, na súa calidade de presidente da Sección de Vilas Termais da FEMP, coa directora xeral do Imserso, María Teresa Sancho; e coa secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau. En ambos casos quedou de manifesto o obxectivo das Vilas Termais da FEMP neste eido: establecer apoios públicos para desestacionalizar os balnearios e fomentar a súa apertura en decembro. De feito, este programa da Deputación está chamado para servir de guía ao resto da Sección de Vilas Termais.
Todos os balnearios da provincia terán a posibilidade de participar en TERnadal, abrindo e persoalizando o número de turnos que consideren. Segundo as bases aprobadas hoxe, poderán ofertar quendas de entre 5 e 20 días, e tamén poderán deseñar actividades orientadas a diferentes colectivos, con especial atención aos máis vulnerables nesas datas desde a perspectiva da saúde emocional. Precisamente, o turno especial de entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro irá preferentemente dirixido ás persoas que sofren soidade non desexada, cunha intención clara: que esas persoas que viven soas poidan pasar esas datas acompañadas nun balneario da provincia.
Menor explicou tamén que nos vindeiros días confirmaranse e anunciaranse as quendas que se ofrecerán en TERnadal, xa que unha vez que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras que aprobadas hoxe en Xunta de Goberno, abrirase o prazo de solicitudes.
Liñas de cooperación
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o presidente provincial tamén explicou o contido do resto da sesión, na que foron mobilizados 1.091.417,95 euros, incluido o das bases do novo programa TERnadal.
Así, en materia de cooperación cos municipios, a sesión desta mañá aprobou axudas por importe de 838.917,95 euros para un total de 13 concellos da provincia. Así, Boborás, Avión, Bande, Barbadás, Beade, Cenlle, Manzaneda, Melón, Rairiz de Veiga, A Rúa, San Amaro e Viana do Bolo son os beneficiarios de axudas destinadas á cooperación para melloras en obras e servizos, cunha especial incidencia en infraestruturas deportivas, como son o caso de Barbadás (200.000 euros para melloras no seu polideportivo), Cenlle (150.000 euros para acondicionamento do seu campo de fútbol municipal) e Viana (tamén con 150.000 euros para a construción dun campo de fútbol).
No que atinxe ás entidades, un total de 10 colectivos reciben 144.500 euros en axudas para o desenvolvemento de diversas actividades.
As entidades beneficiarias desta semana son a Agrupación Musical da Limia, a Fundación Vicente Risco, Amigos da Cociña Galega, a Asociación de Instaladores Eléctricos e de Telecomunicacións de Ourense, Bolboreta Gestión Cultural, o OCR Verín/Monterrei, a Federación de Mulleres Rurais de Ourense.