HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta en Lisboa a oferta turistica de Galicia co foco...

A Xunta presenta en Lisboa a oferta turistica de Galicia co foco na gastronomía como recurso de calidade

- Anuncio -spot_img
  • O director de Turismo de Galicia incidiu no papel desta oferta estratéxica do Goberno galego con produtos como o Outono Gastronómico ou a Primavera de Portas Abertas que afondan na desestacionalización
  • Un total de 17 Estrela Michelin, 26 Soletes da Guía Repsol e 64 festas gastronómicas de interese turístico xunto con outros atributos avalan a aposta gastronómica de Galicia
  • Xosé Merelles estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, realizou unha presentación de destino Galicia ante prescritores e profesionais do sector turístico en Portugal co obxectivo de amosar e afondar o potencial da comunidade no ámbito enogastronómico. Baixo a clave ‘Galicia, destino gastronómico’, Xosé Merelles repasou os recursos e a oferta que fan da rexión un destino atraente para as persoas que busquen opcións nas que a restauración de calidade teña un papel destacado.

A presentación realizouse no marco do evento Artesanía no Prato. O sabor de Galicia em Lisboa, organizado na capital lusa pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Fundación Artesanía de Galicia. De feito, Xosé Merelles estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Desde o domingo e ata hoxe martes, o evento quere impulsar a promoción e a comercialización da gastronomía, do produto e da artesanía de Galicia ante profesionais da gastronomía, da hostalería e do contract, así como a prescritores de medios especializados.

Durante a presentación, o director de Turismo destacou a gastronomía como un recurso estratéxico desde o punto de vista turístico, con impacto tanto na xeración dunha oferta diversificada e desestacionalizada como á hora de atraer visitantes cun alto poder adquisitivo. Xosé Merelles salientou a “nova xeración de cociñeiros e cociñeiras, así como os profesionais do resto da cadea agroalimentaria” que están “poñendo en valor o produto, apostando por recuperar alimentos nosos e integralos en receitas dignas de Estrella Michelín”. Lembrou que son 17 os establecementos que contan con esta distinción en Galicia, mentres que 26 teñen a Guía Repsol. Ademais, das 140 festas de interese turístico que hai na comunidade, 64 son de tipo gastronómico.

Merelles relacionou a aposta por este recurso coa relevancia que ten no turismo, aludindo ao Informe do Turismo Gastronómico en España 2023, que indica que un 86,5% de turistas de España realizou polo menos unha viaxe ou escapada de carácter gastronómico nos dous anos anteriores. Neste estudo destácase Galicia como o terceiro territorio nacional mellor valorado pola súa cociña, só por detrás de País Vasco e Andalucía. Ademais, este tipo de turista gasta un 30% más en restaurantes e outras actividades gastronómicas que o xeneralista.

Gastronomía como recurso turístico

A relevancia da gastronomía queda reflectida na planificación da Xunta de Galicia no ámbito turístico. Aquí, Xosé Merelles parouse no seu peso na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que a define como elemento tractor para o sector e centra varias das súas medidas nela, como a posta en marcha dun Hub Gastronómico en Santiago de Compostela que servirá para formar ao sector turístico da man da innovación.

Ademais, a Xunta conta cun Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía, como lembrou Merelles, cun orzamento de máis de 34M€, con fondos europeos Next Generation, que se desenvolve arredor das tres dimensións clave deste tipo de turismo: produto, proceso e cultura.

Desde Turismo de Galicia trabállase tamén en produtos específicos centrados na enogastronomía, como o Outono Gastronómico, que recentemente presentou a súa 19 edición. Desde o 19 de setembro e ata o 21 de decembro, esta iniciativa propón maridar gastronomía e turismo rural, con escapadas a establecementos deste tipo que ofrecen menús deseñados ex profeso. Nas súas edicións anteriores, o Outono Gastronómico mobilizou 6,6M€ e contou coa participación de 100.000 persoas.

Outro dos produtos deseñados desde a óptica de aproveitar a enogastronomía como recurso estratéxico é a Primavera de Portas Abertas. Organizada en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas (Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra), desenvolve durante as fins de semana do mes de maio distintos tipos de actividades relacionadas coa vitivinicultura.

“Este tipo de iniciativas non só permiten poñer en valor a nosa enogastronomía, senón que ademais se empregan para avanzar en dous dos obxectivos clave da Axencia de Turismo: a desestacionalización da oferta e o reequilibrio territorial”, avanzou Merelles. Así, en 2024 creceron especialmente destinos como a Ribeira Sacra, que combina enogastronomía, patrimonio e paisaxe.

“En definitiva, Galicia é toda unha experiencia gastronómica da que este ano xa puideron desfrutar case 4 millóns de persoas, con especial incidencia do mercado internacional, que supón o 30% dos nosos viaxeiros”, salientou, poñendo o foco nos ingresos do sector. No que vai de ano, o sector hoteleiro ingresou máis de 228M€, o que supón un incremento de máis do 6%.

Publicacións Relacionadas