HomeVigoPazos de BorbénPazos de Borbén aposta pola sostibilidade cun proxecto integral de xestión de...

Pazos de Borbén aposta pola sostibilidade cun proxecto integral de xestión de residuos

- Anuncio -spot_img

O Concello impulsa a compostaxe, a recollida de aceite usado e a reciclaxe de roupa e calzado grazas ás axudas da Xunta e fondos europeos NextGenerationEU

O Concello de Pazos de Borbén pon en marcha un proxecto integral de xestión de residuos grazas ás axudas da Xunta de Galicia, financiadas con fondos europeos NextGenerationEU. A iniciativa supón un paso adiante no compromiso municipal coa sostibilidade, a economía circular e a loita contra o cambio climático.

O programa abrangue tres ámbitos principais:

  • Compostaxe doméstica, para dar unha nova vida aos residuos orgánicos.
  • Recollida separada de aceite de cociña usado, co fin do seu aproveitamento posterior.
  • Recollida e reciclaxe de roupa e calzado usados, fomentando a reutilización e a redución de residuos.

Ademais, desenvolveranse campañas de sensibilización en centros educativos, asociacións e colectivos sociais, xunto con visitas porta a porta a vivendas, bares, restaurantes e comercios. O Concello tamén distribuirá materiais informativos e ferramentas de seguimento para avaliar os resultados.

Segundo destacou o alcalde, Luciano Otero“este proxecto reforza o noso compromiso co medio ambiente e coa veciñanza, promovendo hábitos responsables e contribuíndo á construción dun concello máis sostible e concienciado”.

O obxectivo é incrementar a recollida e o aproveitamento dos residuos, reducir o impacto ambiental e xerar beneficios sociais, económicos e ambientais para toda a poboación.

O programa estará activo ata o 30 de novembro de 2025 e contribúe ao cumprimento da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados, marcando un novo avance cara a unha xestión máis eficiente e respectuosa co contorno.

Publicacións Relacionadas