O Partido Popular de Arzúa denuncia publicamente a incapacidade de xestión do tripartito que goberna o concello, que unha vez máis deixa caducar un contrato esencial sen ter preparada a nova licitación, obrigando a improvisar e abrindo a porta a situacións irregulares que xa se sufriron no pasado.
Segundo explicou o voceiro popular, Rafael Rivadulla, “estamos ante un novo exemplo de parálise administrativa: o contrato actual do Servizo de Axuda no Fogar remata o 15 de novembro de 2025 e o goberno local nin sequera cumpriu cos prazos que o propio prego obriga, deixando de publicar a licitación con tres meses de antelación como mínimo. Isto significa que non haberá posibilidade legal de prorrogar o contrato nas mesmas condicións, poñendo en risco a continuidade dun servizo básico para moitas familias arzuás.”
O PP lembra que esta situación non é nova, senón que responde a un patrón de inacción reiterado.
A licitación actualmente vixente non se formalizou ata ano e medio despois do seu anuncio.
A empresa inicialmente adxudicataria renunciou porque se lle asignou o contrato moitos meses despois de presentar a oferta, cando os prezos de mercado xa subiran moito respecto dos ofertados, o que motivou un maior atraso na licitación.
O contrato anterior de 2015 rematara sen que houbera unha nova licitación en marcha, obrigando ao Concello a recorrer a un contrato de emerxencia en 2019, que acabou en máis gasto (6%) que na licitación actual para o concello.
O voceiro popular subliña que “a veciñanza debe saber que esta desidia pode ter como consecuencia máis custes para todos, xa que cando o Concello chega tarde acabamos pagando máis polas présas, polos contratos de emerxencia e polas subas que as empresas impoñen ao quedar sen competencia real”.
O Partido Popular de Arzúa esixe ao goberno tripartito local:
Responsabilidade inmediata do concelleiro responsable, José Luis García López, por depender o SAF da súa concellería, a de Benestar Social e Terceira idade, para garantir a continuidade do servizo a usuarios e traballadoras do SAF baixo cobertura legal.
Planificación seria das licitacións para que non se repita este escenario.
Explicacións públicas sobre por que se repiten estes atrasos con diferente goberno e quen asumirá as responsabilidades polos maiores custes soportados polas arcas municipais.