O IES Eusebio da Guarda acolleu hoxe un foro divulgativo sobre o marco normativo impulsado polo Concello, un acto aberto á cidadanía que se organizou ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade
A Coruña viviu esta mañá un dos actos máis destacados da programación da Semana Europea da Mobilidade: o foro divulgativo sobre a nova ordenanza de mobilidade sostible que entrará en vigor proximamente, un marco regulador que foi detallado hoxe nun acto aberto á cidadanía no IES Eusebio da Guarda.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxo en valor a nova ordenanza, “que supón un fito para a cidade atendendo á importancia de actualizar unha normativa que xa estaba obsoleta. A mobilidade na cidade avanzou e a nova ordenanza é unha ferramenta imprescindible que nos dará solucións na realidade actual”.
Díaz destacou que o texto, aprobado definitivamente no Pleno municipal a semana pasada —xusto ás portas do inicio da Semana Europea da Mobilidade—, inclúe cuestións demandadas pola cidadanía, como a delimitación dos espazos de paso para bicicletas e VMP, así como normas específicas para fomentar a convivencia e o civismo no servizo de transporte urbano.
“A mobilidade da Coruña é moi diferente á que había no pasado; xa estamos noutro punto con respecto a décadas anteriores, e isto esixía modernizar a normativa”, agregou Díaz, que tamén apuntou que o texto inclúe aspectos que antes non se regulaban por ordenanza e agora si, como cuestións de ocupación de espazos de dominio público.
A evolución da mobilidade e a nova ordenanza, a exame esta mañá
Na segunda xornada da Semana Europea da Mobilidade, o salón de actos do IES Eusebio da Guarda acolleu o foro divulgativo sobre a nova ordenanza, unha cita aberta ás coruñesas e coruñeses que tamén contou coa asistencia de representantes das asociacións veciñais dos barrios da cidade.
Na sesión, a concelleira Noemí Díaz estivo acompañada por persoal técnico da Área de Mobilidade: María Dolores Ferreiro, xefa de servizo; Araceli Iglesias, técnica superior de mobilidade urbana; e María del Mar Rodríguez, técnica de xestión de mobilidade urbana.
Ademais, no foro tamén houbo tempo para analizar a evolución da mobilidade da cidade co paso do tempo, unha cuestión na que profundaron Javier Vázquez e Pablo Alonso, profesionais da empresa Eptisa, implicada no proceso participativo que se levou a cabo nos últimos meses nos diversos distritos da Coruña para configurar os pregos do futuro contrato do servizo de transporte urbano.