HomeA CoruñaJosé Manuel Lage: “A renovación da fachada marítima é o maior reto...

José Manuel Lage: “A renovación da fachada marítima é o maior reto e a maior oportunidade para o futuro da cidade”

- Anuncio -spot_img

O voceiro do Goberno municipal participou hoxe nunha sesión organizada por Defensa do Común, na que puxo en valor os avances experimentados no último ano para impulsar a integración do Porto na paisaxe urbana

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, participou esta tarde no acto público organizado por Defensa do Común para debatir sobre o futuro da fachada marítima e dos peiraos da cidade da Coruña.

Na sesión, concibida para profundar na relación entre as Administracións públicas e o tecido asociativo á hora de afrontar conxuntamente intervencións deste calado, Lage puxo en valor “o esforzo do Goberno de Inés Rey para sentar as bases dunha transformación que é vital para o futuro da cidade e da súa economía”.

Neste sentido, Lage subliñou o paso adiante que supuxo, en maio do ano pasado, a sinatura do protocolo necesario para impulsar a reordenación da fachada marítima da Coruña, que implicou a Concello, Xunta e Estado, e que abriu camiño á creación da comisión Coruña Marítima, tamén ao proceso participativo posterior, no que se recolleron múltiples achegas da cidadanía de cara á reconversión de usos nos espazos portuarios, a medida que se van deslocalizando actividades e procesos a Punta Langosteira.
“O futuro da Coruña pasa polo mar. Este proxecto é a oportunidade para abrirnos definitivamente a ese horizonte compartido, cunha visión integradora, sostible e innovadora”, indicou o concelleiro e voceiro municipal, para quen “a renovación da fachada marítima é o maior reto e a maior oportunidade” para deseñar o futuro da cidade. Lage destacou tamén a boa sintonía coa Autoridade Portuaria e co seu presidente, Martín Fernández Prado, e a importancia de ter chegado a acordos con todas as Administracións para darlle un impulso definitivo ao proxecto.

“Neste mes daremos un paso máis para darlle a máxima seguridade xuridica ao concurso internacional da fachada marítima. Pensamos nun proxecto ambicioso que conte cos mellores profesionais posibles, e iso significa apostar pola excelencia sin excluir a ninguén, valorando a experiencia neste tipo de proxectos e contando tamén cos profesionais da cidade”, engadiu Lage.

Ademais do voceiro municipal, no acto desta tarde participaron Ruth Varela, presidenta da delegación da Coruña do COAG; Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña; Francisco Jorquera, presidente da Comisión da Fachada Marítima, e Benedito Álvarez, da xunta directiva de Defensa do Común.

Publicacións Relacionadas