Celebrarase nas instalacións do Club Hípico Equigalia. O Gran Premio celebrarase o domingo ás 18 h
Un centenar de xinetes e amazonas de Galicia e Portugal van participar esta fin de semana no Concurso Nacional de Saltos que se vai celebrar en Tui nas instalacións do Club Hípico Equigalia. É a terceira ocasión en que esta competición nacional de dúas estrelas se celebra na cidade.
Asistiron á presentación este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, a presidenta do Club Hípico Equigalia, Elvira Crespo, a directora do concurso, Paula López e a secretaria do club, Natalia Blanco.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou a gran afección que hai na zona ao mundo cabalar, agradecendo ao Club Hípico Equigalia o traballo realizado para que a hípica teña presenza tamén a nivel profesional, e lembrando ao seu fundador Luís López Pimentel, cuxa obra, dicía, se está consolidando e crecendo. Reafirmou, Enrique Cabaleiro, o compromiso do Concello de Tui con este evento que “pon a Tui no mapa da hípica”.
No mesmo senso se pronunciaba o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, convidando tanto á veciñanza de Tui coma da contorna a achegar na fin de semana a Equigalia e disfrutar desta competición que ten entrada de balde.
Elvira Crespo, presidenta do Club Hípico Equigalia, amosou a súa satisfacción por acoller por terceiro ano consecutivo un concurso nacional destas características, o que recoñecía supón para o club un importante esforzo económico, de traballo e de superación.
Paula López, directora do Concurso, destacou que dende ás tres da tarde do venres e até o domingo a última hora da tarde se realizarán máis de 120 saídas a pista nas distintas categorías, que irán dende as infantís onde a altura é de 0.30 cm, até as probas maiores, entre elas o gran salto que terán unha altura de 1.30 cm. Precisamente neste último, patrocinado polo Concello de Tui, que se celebrará o domingo ás 18 h participarán vinte xinetes e amazonas, entre eles campións galegos e xinetes portugueses que están a competir en probas internacionais. Tamén destacaba que haberá tempo para probas divertidas coma o Jump&Run e non faltarán actividades coma música con djs ou zona de restauración. En total entregarán 7 mil euros en premios, así coma agasallos de material hípico.
Por parte do club hípico Equigalia participarán un total de 25 persoas, entre elas a propia directora do concurso, Paula López, competirá o domingo no Gran Premio.
O vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, destacou na súa intervención que este é o concurso máis importante dos que este ano se celebran en Galicia, cunha gran calidade.