Ernesto Filgueira: “A mina de Doade é un exemplo de manual da política colonial de espolio dos nosos recursos cun forte impacto no territorio”
O Bloque Nacionalista Galego de Cerdedo-Cotobade vén de presentar por rexistro da Xunta alegacións para impedir a materialización do proxecto da mina de Doade, en Beariz, seleccionado pola Unión Europea para a adquisición de materias primas críticas co fin de preparar o rearme.
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, lembra “que este proxecto xa foi rexeitado no seu momento polo seu impacto ambiental negativo, após a presión exercida polo movemento social e veciñal”, e sinala que “non se pode conceder unha autorización agora polo mero feito de querer empregar estes recursos con fins armamentísticos, empregando este argumento como xustificación para, máis unha vez, espoliar os recursos do noso país”.
O proxecto da mina de Doade, emprazado na localidade ourensá de Beariz, contempla unha mina subterránea e unha planta para o tratamento de minerais na serra do Suído e o monte do Seixo. Explotará, segundo a información recollida, pegmatita que é unha rocha rica en litio e feldespatos que se empregan na industria tecnolóxica e é fundamental para a tecnoloxía militar.
Un proxecto de espolio, sen deixar beneficios na terra
Para o BNG, a explotación desta mina de Doade, recollido entre os proxectos estratéxicos de materias primas críticas enmarcado no Plan de Rearme da Unión Europea, non se xustifica: “nin do punto de vista ambiental, pois xa foi rexeitado, nin do punto de vista para a súa utilización con fins armamentísticos”.
Ernesto Filgueira recorda que este proxecto xa intentou abrir en 2020 mais foi denegado pola Xunta de Galiza após un informe negativo da Concesión de Explotación por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil debido á súa afectación aos acuíferos e froito da presión social e veciñal exercida. “A empresa volveu presentar o proxecto e moito nos tememos que a decisión da Comisión Europea condicione agora a resposta do Goberno galego, presidido polo PP, sempre tan permeábel a macroproxectos empresariais como o de Altri en Palas de Rei ou a macroparques eólicos”.
No proxecto presentado, lembra Filgueira, non se estuda a afectación ás captacións de auga potábel (o proxecto contempla un uso de perto de 170 millóns de metros cúbicos de auga), nin aos cursos fluviais afectados, nin o alto risco de contaminación por metais pesados (o proxecto recoñece que vai haber lixiviados de metais pesados, pero non se deseñan medidas para evitalos), nin se avalía o impacto da mina sobre o ecosistema da Serra do Suído, Serra do Candán e Serra do Cando, incluíndo a afección á Rede Natura 2000, nin o impacto que pode ter sobre a fauna protexida.
Por todos estes motivos, o BNG considera que non se debe autorizar a mina de Doade, xa que se “trata dun novo atentado contra o noso territorio, froito dunha polítca de espolio e rapiña dos nosos recursos. Unha política colonial de manual”, explica Ernesto Filgueira.