HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca 12 cursos de formación continua para persoal e voluntarios...

A Xunta convoca 12 cursos de formación continua para persoal e voluntarios dos servicios de emerxencias

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, enmarcada na programación de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública para o segundo semestre do ano
  • Suman máis de 400 prazas para persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 12 cursos dirixidos a persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e os servizos municipais de Protección Civil tanto profesionais como voluntarios.

As actividades previstas suman 406 prazas e desenvolveranse entre os meses de outubro e decembro con accións de carácter presencial, semipresencial e en liña.

Así, convócanse, por unha parte, seis cursos na modalidade en liña para persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, GES e servizos municipais de protección civil e emerxencias que ofertan 224 prazas. Entre eles figuran intervencións en situacións de emerxencias con risco eléctrico, con vehículos especiais, en espazos confinados, investigación causal de incendios e formación sobre as normativas e instalación de prevención de riscos de incendios e emerxencias. As horas lectivas dos distintos cursos oscilan entre as 14 e as 90, e cada un deles conta con 40 prazas. Ademais, tamén haberá un curso presencial sobre xestión operativa e de mando de nivel un, con 24 horas lectivas e 24 prazas.

Por outra banda, para o persoal voluntario das agrupacións de protección Protección Civil, o DOG publica a convocatoria doutros seis cursos cun total de 182 prazas e con horas lectivas que van dende as 15 ata as 25. Os contidos inclúen o uso de Google Earth nos dispositivos de emerxencias, a busca de persoas desaparecidas no medio rural, accidentes na estrada, actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero, apoio psicolóxico e manexo do estrés en situacións críticas e primeiros auxilios.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 29 de setembro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na páxina web da Agasp, onde tamén se publicará o contido das diferentes actividades formativas e a relación de persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos.

Estas actividades do segundo semestre completan o plan de formación continua da Agasp no eido das emerxencias deste ano, do que xa se dispuxeron case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas nas 250 accións formativas programadas. A oferta súmase, ademais, á dirixida ao persoal dos corpos e forzas de seguridade, que dispoñen de case 5.000 prazas para recibir preto de 8.000 horas lectivas en 163 cursos programados en diferentes edicións que suman 250 accións formativas.

Centro formativo de referencia

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ofrecendo cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas, ademais de preparar as novas promocións de Policía Local.

Publicacións Relacionadas