Advirte da escasa información e do pouco tempo co que o Goberno municipal está a xestionar o documento que vai fixar as liñas de actuación en materia de igualdade
Ana Martínez: “Despois de 13 anos de espera, o novo Plan de Igualdade non pode quedar reducido a un trámite burocrático para cubrir expediente”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda maior participación social e rigor na elaboración do V Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Vigo. A fronte nacionalista advirte da escasa información e do pouco tempo co que o Goberno municipal está a xestionar o documento que vai fixar as liñas de actuación nesta materia, despois de 13 anos sen actualizar.
A concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, reclamou que o Goberno local rectifique o proceso de elaboración do novo Plan de Igualdade para permitir unha “verdadeira” participación do tecido asociativo e do movemento feminista. “O clamor dos masivos 8M de ‘máis recursos e menos discursos’ non se atende con papel mollado”, valorou, pedindo que non se reduza a un “trámite burocrático para cubrir expediente”.
Martínez trasladou a preocupación do Bloque após a reunión celebrada polo Consello Municipal da Muller, este pasado mércores, para dar a coñecer o proceso. Entre os motivos, lamentou que o contrato para elaborar o documento só conceda 5 meses para que a empresa encargamda avalíe o plan anterior, caducado en 2012, e para estudar a situación actual de cara ao novo Plan de Igualdade para os vindeiros catro anos.
“É moi pouco tempo para facelo coa participación social necesaria e adaptado ás necesidades e ao contexto das mulleres da nosa cidade”, considerou a concelleira nacionalista. Afeou tamén a escasa información facilitada ao Consello Municipal da Muller, a pesar de ser o órgano de asesoramento nesta materia. “Aínda a semana pasada tivo lugar a primeira xuntanza cun grupo reducido de representantes cando a equipa redactora ten encomenda de entregar o documento completo o 15 de outubro”, alertou.
Para a edil do BNG este prazo é insuficiente para poder realizar o número necesario de de xuntanzas co movemento feminista e cos colectivos, así como outras instancias como a administración de xustiza, os servizos sociais e educativos, o Sergas ou a Universidade de Vigo. A ese respecto, criticou tamén a “falla de rigor” da enquisa pública lanzada en internet polo Concello para recoller achegas ao Plan. “Non ten control da mostra de poboación que participa e, polo tanto, resulta pouco fiable”, adiantou.
Apenas 14.000 euros
No mesmo sentido, a fronte nacionalista censurou a baixa partida orzamentaria –de 13.794 euros- que o Concello dedica para a elaboración do Plan de Igualdade malia contar cun orzamento ordinario que supera os 350 millóns anuais. “As prioridades do Goberno municipal están claros cando destina esta miseria para un proxecto esencial na planificación das políticas de igualdade nos vindeiros catro anos”, manifestou.
Martínez defendeu que o V Plan de Igualdade debe ser “a folla de rota para despregar políticas efectivas que nos permitan avanzar na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes na nosa cidade”. Así, insistiu na necesidade de que o Goberno local rectifique este proceso para garantir unha “verdadeira” participación, unha metodoloxía clara, con obxectivos definidos e liñas de actuación concretas e verificábeis.